A PORTAVOZ MUNICIPAL, MANUELA RODRÍGUEZ, DENUNCIA A REITERADA NEGATIVA DE FERREIRA A CONVOCAR PLENOS ORDINARIOS

O BNG presenta unha queixa contra o Alcalde de Gondomar diante da Valedora do Pobo

O BNG presenta unha queixa contra o Alcalde de Gondomar diante da Valedora do Pobo

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar diante da Valedora do Pobo unha queixa contra o Alcalde de Gondomar, o Sr. Ferreira, en denuncia pola súa negativa a convocar pleno ordinario.

Dende o comezo da crise da COVID-19, o BNG de Gondomar ten insistido na necesidade de convocar un pleno onde o goberno municipal dera conta do realizado polo nestes meses e, o que é máis importante, onde poder aprobar medidas e tomar acordos fronte a crise socio-sanitaria do coronavirus e os seus efectos no noso concello. O Alcalde negouse reiteradamente a convocalo.

Mais isto non é novo. Ferreira xa vén comportándose así desde inicio desta lexislatura. Non respectou en ningún caso o acordo unánime tomado en xullo do ano pasado: a periodicidade dos plenos será mensual e celebraranse o primeiro xoves de cada mes. E podemos comprobalo nesta mesma semana: o pleno de xuño que debería celebrarse este primeiro xoves de mes, non foi convocado.

“Algunha vez ten dito que non convoca porque non ten temas que levar a pleno, o que dá mostra da súa propia incompetencia”, denuncia a portavoz do BNG. “Será por temas!”

Tendo en conta que o pleno municipal é o órgano máximo de representación popular no concello, onde a oposición pode exercer o seu labor de fiscalización do traballo do goberno e de presentación de propostas e alternativas na defensa dos intereses da veciñanza, “o comportamento do Alcalde impide a transparencia na xestión do goberno e secuestra o exercicio da democracia no concello de Gondomar”, afirma Rodríguez. “E se non hai plenos, non se toman as grandes decisións que Gondomar precisa”.

Así as cousas, o BNG, en exercicio da súa responsabilidade, solicita da Valedora do Pobo que inste ao Sr. Ferreira a convocar, á maior brevidade, un pleno onde informar á corporación e á veciñanza sobre o realizado polo goberno na crise do COVID-19, e no que poder debater, consensuar e aprobar medidas necesarias para minorar as súas consecuencias nos planos social e económico no concello; e a respectar, no sucesivo, os acordos sobre a periodicidade e ás datas de celebración dos plenos.

 

BNG Gondomar.

O BNG presenta unha queixa contra o Alcalde de Gondomar diante da Valedora do Pobo