O BNG reclama a PP e PSOE que deixen as leas partidistas e permitan o funcionamento do ascensor do CEP Xosé Neira Vilas de Peitieiros
Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG: “É lamentable ver ao goberno da Xunta –do PP–, e ao goberno local –do PSOE–, reproducir en Gondomar as súas leas partidistas importadas de Vigo ou Madrid. E o que é peor, que o fagan a costa do funcionamento dunha dotación que mellora as prestacións dun centro educativo público no noso concello.”
O BNG soubo polos medios de comunicación dunha nova disputa entre os gobernos da Xunta e do Concello. Neste caso ten a ver coa instalación dun ascensor no CEP Neira Vilas de Peitieiros supostamente sen os trámites municipais preceptivos (presentación de proxecto e obtención de licenza de obra) e que leva máis de tres meses sen poder funcionar por non contar coa autorización municipal pertinente.
Para o BNG “é lamentable ver a Xunta do PP e Concello do PSOE reproducen en Gondomar as súas leas partidistas importadas de Vigo ou Madrid”, traslada a portavoz municipal en Manuela Rodríguez, que considera “preocupante que o fagan a costa do funcionamento dunha dotación que mellora as prestacións dun centro educativo público”.
A voceira nacionalista pregúntase “por que non resolven o problema en silencio, sen volver poñer á comunidade educativa no centro da disputa, como aministracións responsábeis”. E engade que goberno local e goberno galego “deberían saber que as administracións están para resolver problemas non para crealos ou agrandalos.”
Ao BNG este tira-puxa lémbralles o episodio do ano 2021, cando o alcalde Paco Ferreira decidira mercar purificadores de aire con filtros HEPA para instalar nas aulas dos centros sen previa autorización da Consellería de Educación e topou coa negativa desta. “Podería parecer que agora o Concello lle devolve a negativa á Xunta”, apuntan.
En calquera caso, desde o BNG trasladan que, máis alá das irregularidades que se produciron no que respecta aos trámites administrativos para á instalación do ascensor para o CEP Neia Vilas, “que semella que as houbo e non menores tratándose da actuación dunha administración pública”, o certo é que agora está colocado e o seu uso pode ser necesario en calquera momento, polo que sería sensato mantelo inoperativo durante máis tempo.
É por iso que, se tal como se pode ler nos medios de comunicación, a documentación esixida polo Concello xa está presentada, instan ás partes a non dilatar máis no tempo a legalización da instalación e demandan das dúas administracións involucradas a resolución de calquera outro aspecto pendente, para garantir o funcionamento do ascensor para o vindeiro curso.