Posición do BNG ante as declaracións da Concelleira de Igualdade
O Bloque Nacionalista Galego manifesta a súa total indignación ante as declaracións da Concelleira de Igualdade do Concello de Gondomar, Nuria Lameiro, que hoxe recolle a prensa. A Concelleira que ten asignadas as competencias en materia de Igualdade demostra un absoluto descoñecemento do seu ámbito cando a única actividade deseñada dende o Concello para conmemorar o Día Internacional das Mulleres consiste nun curso de mecánica básica. A Concelleira asegura que é importante que as mulleres "aprendan a coñecer como funciona o coche e a desenvolverse con naturalidade e sen nervios en caso dalgún incidente"; declara que as mulleres hoxe en día utilizan o coche para ir á compra ou levar as crianzas á escola, e presupón que, ante unha avaría mecánica, recorren "ao marido, irmán ou fillo" para que lles cambien unha roda. Esta visión das mulleres perpetúa uns estereotipos de xénero que, se ben están infelizmente moi estendidos aínda na sociedade, non deben ser alimentados en ningún caso por un cargo público que ten como mandato promover programas de promoción da igualdade de xénero.
O BNG lamenta que no Concello de Gondomar, cuns elevadísimos índices de desemprego feminino e precariedade laboral, e cunha atención máis que deficitaria aos casos de violencia de xénero, desigualdade e marxinación das mulleres, as propostas do equipo de goberno consistan en actividades puramente anecdóticas que reforzan a visión das mulleres como seres dependentes dos homes, relegadas ao doméstico e incapaces de valerse por si mesmas. Isto non fai senón demostrar o nulo coñecemento da realidade das mulleres de Gondomar por parte do equipo de goberno e o seu completo desinterese polas políticas de igualdade.
Neste sentido, dende o Bloque Nacionalista Galego de Gondomar, denunciamos tamén que, máis de seis meses despois da constitución do goberno municipal, aínda non se constituíu o Consello Municipal da Muller, en contra do prometido no acordo de goberno asinado no seu momento polas diferentes forzas políticas que conformaron o goberno (PSOE, CABE e Manifesto Miñor). Xa que logo, urximos ao goberno municipal a constituír inmediatamente o Consello Municipal da Muller para comezar a elaborar e desenvolver as verdadeiras prioridades de actuación no ámbito da igualdade que, dende logo, non son cursos de mecánica para mulleres.