PARA A ORGANIZACIÓN NACIONALISTA A PRIORIDADE É GARANTIR A SAÚDE, FREAR E CONTER A PROPAGACIÓN E PALIAR OS EFECTOS SOCIAIS E ECONÓMICOS DESTA CRISE, TAMÉN DENDE OS CONCELLOS

O BNG achega ao goberno de Gondomar propostas de actuación no concello fronte a crise socio-sanitaria do coronavirus

Manuela Rodríguez Pumar
O BNG achega ao goberno de Gondomar propostas de actuación no concello fronte a crise socio-sanitaria do coronavirus
 

Desde o BNG, con independencia de seguiren a exixir das administracións galega e estatal que actúen con dilixencia no exercicio das súas competencias, consideran que tamén dende o ámbito municipal se debe contribuír a robustecer a capacidade de resposta do noso País fronte á pandemia, asegurando a mellor protección da nosa veciñanza, en termos sanitarios en primeiro lugar, mais tamén do punto de vista socioeconómico. “A prioridade, tamén dende os concellos, debe ser garantir a saúde pública e frear, até contela, a propagación do virus, mais tamén ir artellando mecanismos para paliar os efectos sociais desta crise, tanto nas familias como no comercio e nas empresas” afirma a Portavoz Municipal do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez.

Con esa intención, “dende o BNG achegamos unha serie de propostas de actuación no concello de Gondomar, complementarias ou a maiores das xa tomadas até agora, algunhas das cales xa foron trasladadas ao goberno con anterioridade” indica Rodríguez.

A proposta, que foi presentada por rexistro o luns 30, abrangue dende medidas sociais como a incremento e implementación de novas axudas de emerxencia ás familias para afrontar as necesidades dos e das menores, familias desfavorecidas e afectadas polo impacto da situación socioeconómica do coronavirus; medidas para o persoal e os servizos de titularidade municipal extremando as medidas preventivas do persoal e a garantía para as persoas usuarias, asegurando o mantemento do emprego nos servizos e actividades de titularidade municipal, evitando a destrución de emprego; medidas para garantir o dereito á saúde do conxunto das traballadoras e traballadores e a eficacia do illamento social garantindo a paralización efectiva de toda a actividade laboral e produtiva privada non esencial utilizando todos os medios municipais, incluída a actuación da policía local; até medidas para preparar a recuperación socio-económica no concello coa elaboración dun plan de aprazamento, fraccionamento ou condonación dos impostos, recibos e taxas en función das situacións concretas de cada persoa ou empresa afectadas pola crise. E o inicio, en previsión dos efectos económicos desta crise sanitaria e en colaboración con comerciantes, empresariado e cos sindicatos, do estudo, para a posta en marcha pasado o período de emerxencia sanitaria, dun Plan de reactivación económica naquelas cuestións de competencia municipal (dinamización do comercio local, fortalecemento dos servizos, incremento do investimento, e que deberán ser complementarias das medidas adoptadas por outras administracións.

Dende o BNG, ademais de seguiren a solicitar a actualización e difusión por todos os medios do Concello da información coas recomendacións, resolucións da comisión de seguimento da crise, información sanitaria, para lla achegar ao conxunto da veciñanza de Gondomar, “insistimos en demandar do goberno que se informe periodicamente á oposición para podermos colaborar en todas as medidas que se tomen e aportar todas as melloras que poidamos”. Porén, “dende o martes 24 de marzo que, ante a exixencia do BNG, o Alcalde convocou unha xunta de portavoces telemática na que se comprometeu a volver convocar outra na mesma semana, non se volveu a ter ningunha comunicación co goberno, nin sequera en resposta a estas propostas, faltando así, novamente, á súa palabra”. 

 

Propostas de actuación no Concello de Gondomar fronte a crise sociosanitaria do coronavirus.

 

BNG Gondomar.

O BNG achega ao goberno de Gondomar propostas de actuación no concello fronte a crise socio-sanitaria do coronavirus