O BNG de Gondomar insta novamente ao Alcalde a convocar pleno no que aprobar medidas para paliar os efectos sociais e económicos da crise do coronavirus no concello
O Bloque Nacionalista Galego ten trasladado aos gobernos da Xunta e do Estado propostas de actuación en termos sanitarios, máis tamén do punto de vista social e económico. A crise do coronavirus provoca consecuencias económicas sen precedentes,especialmente graves en colectivos como o pequeno e mediano comercio, e no dos traballadores e as traballadoras autónomas.
Para paliar esta situación, o BNG propón unha serie de medidas como establecer axudas directas para compensar o período de inactividade forzada, como eliminar a cota de autónom@ durante un período inicial de 3 meses. “A ingresos cero, cotizacións cero”, en palabras da Portavoz Nacional, Ana Pontón; unha axuda directa de 2.000€ por parte da Xunta para os casos en que as persoas autónomas se visen obrigadas a pechar ou reducisen de xeito importante os seus ingresos (axudas que deben ser compatíbeis coas do Estado); ou atrasar o inicio das rebaixas cando menos ao mes de agosto, para que o comercio teña tempo para a planificación e reactivación económica, entre outras.
“O pequeno e mediano comercio galego é vital na economía do noso país, e é tamén vital para o dinamismo económico da nosa vila. E, tamén no noso concello, xa viña sofrendo unha crise que se fai agora máis aguda polas consecuencias económicas derivadas do coronavirus”, apunta a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez. No camiño de contribuír a minorar esas consecuencias, “desde o BNG local temos proposto diversas medidas co obxectivo de colaborar na posta en marcha de mecanismos para paliar os efectos sociais desta crise, tanto nas familias como no comercio e nas empresas”.
Nese sentido, o BNG ten presentado medidas para preparar a recuperación social e económica no concello como a proposta de elaboración dun plan de aprazamento, fraccionamento ou condonación dos impostos, recibos e taxas (lixo, auga, IBI, terrazas,...), en función das situacións concretas de cada persoa ou empresa afectadas pola crise. Ou, en previsión dos efectos económicos da crise sanitaria e en colaboración con comerciantes, empresas e sindicatos, o inicio do estudo, para a posta en marcha pasado o período de emerxencia sanitaria, dun Plan de reactivación económica naquelas cuestións de competencia municipal: dinamización do comercio local, fortalecemento dos servizos, incremento do investimento; medidas todas elas que complementen as medidas adoptadas por outras administracións.
Ante a urxencia da posta en marcha destas e outras medidas, “instamos ao Alcalde a que, a maior brevidade posíbel, convoque un pleno onde poder aprobalas, e podermos efectivizalas canto antes para facer fronte aos efectos desta crise no noso concello”, urxe a Portavoz Municipal do BNG.
BNG Gondomar