O BNG insta á Xunta de Galiza a crear a Valedoría de Igualdade e ao Concello de Gondomar a reforzar a área de Igualdade

Mani8M2025
Mani8M2025

Demanda do goberno local a dotación de orzamento suficiente e específico para a Área de Igualdade, para posibilitar o desenvolvemento de todas as accións contempladas no vixente Plan de Igualdade entre mulleres e homes

Insta ao goberno galego a impulsar un proceso con ampla participación social e institucional para a aprobación por lei, neste 2025, dunha Valedoría de Igualdade como autoridade independente de defensa das mulleres contra a discriminación

O BNG insta á Xunta de Galiza a crear a Valedoría de Igualdade e ao Concello de Gondomar a reforzar a área de Igualdade

GONDOMAR, 8 de marzo de 2025.- O BNG insta á Xunta de Galiza a crear a Valedoría de Igualdade e ao Concello de Gondomar a reforzar a Área de Igualdade. A organización nacionalista fai estas propostas na véspera do día internacional das mulleres, a través dunha moción presentada pola voceira, Manuela Rodríguez, quen lamenta que non puidera ser debatida con antelación ao 8M “porque máis unha vez o Alcalde ‘esqueceu’ convocar o pleno”.

A moción do BNG insta ao goberno galego a impulsar un proceso con ampla participación social e institucional para a aprobación por lei, neste 2025, dunha Valedoría de Igualdade como autoridade independente de defensa das mulleres contra a discriminación, nun contexto de rearme do machismo e de avance das posicións máis reaccionarias ao longo do planeta. É nese marco que, para o BNG, cómpre máis que nunca responder “sen medo nin vergoña, reivindicando o feminismo combativo e antifascista”, e cómpre impulsar avances concretos para que os dereitos lexislados sexan dereitos reais.

Porque malia que a forza do feminismo fixo que se produciran cambios lexislativos e un proceso de toma de conciencia colectiva “que nos fixo avanzar posicións, vemos con preocupación o avance de posicións e medidas abertamente retrógradas no ámbito social ou institucional”.

 

Así, “vemos con preocupación novos mecanismos de compra-venda e alienación dos nosos corpos e das nosas vidas e o afortalamento da manosfera. E as consecuencias das crises que fan que as mulleres galegas sigamos a ter peores indicadores no ámbito socio económico, co incremento da fenda entre mulleres e homes, e que sigamos a soportar o desmantelamento dos servizos públicos, especialmente no ámbito da dependencia e da conciliación”.

Para as nacionalistas, o feito de que haxa innumerables dereitos e medidas recollidas no marco lexislativo que non se cumpren na vida diaria “debe facernos reflexionar sobre a necesidade de que se muden e actualicen as ferramentas para os facer efectivos”. É por iso que a reivindicación do BNG deste 8M aposta por unha ferramenta concreta, a Valedoría da Igualdade, que “nos defenda ás mulleres diante das situacións de discriminación, directa ou indirecta”. Un órgano con funcións de investigación, asesoramento, mediación e elaboración de propostas de sanción para a promoción da garantía do cumprimento do principio de igualdade.

No ámbito local, a iniciativa do BNG segue a ser a de demandar do goberno local a dotación de orzamento suficiente e específico para a Área de Igualdade. “É a mesma demanda de todos os anos, porque as políticas de igualdade tamén precisan de orzamento, algo que non dá entendido o goberno do PSOE de Paco Ferreira”, lamenta Rodríguez. E como cada ano, a concelleira nacionalista insiste en que “só con dotación económica propia se poderán desenvolver de todas as accións contempladas no vixente Plan de Igualdade entre mulleres e homes”.

Asemade, o Bloque insta tamén ao goberno municipal “a cumprir coa obriga legal de se dotar dun protocolo contra a discriminación e o acoso laboral ou sexual para o Concello de Gondomar”. Unha proposta que sexa posta en común co colectivo ao que afecta, as traballadoras e traballadores do Concello de Gondomar, coa súa representación sindical, e que conte para a súa redacción coa participación de persoas con formación en materia de igualdade, que garantan a incorporación dunha perspectiva feminista na súa redacción.

O BNG insta á Xunta de Galiza a crear a Valedoría de Igualdade e ao Concello de Gondomar a reforzar a área de Igualdade