O BNG reclama converter a loita contra a violencia machista en verdadeira prioridade política, social e institucional

Mani25N2024
Mani25N2024

As nacionalistas demandan medidas concretas que melloren a aplicación e desenvolvemento das leis e dos seus instrumentos para combater todas as formas de violencia machista

 

Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG:Non caben negacionismos nin homologacións: a violencia machista é unha violencia presente, evidente, diferenciada, consecuencia dun sistema de dominación social contra as mulleres, o patriarcado

O BNG reclama converter a loita contra a violencia machista en verdadeira prioridade política, social e institucional

O BNG reclama converter a loita contra a violencia machista en prioridade política, social e institucional de primeira orde. A organización nacionalista chama a combater todas as formas da violencia machista a través de medidas concretas que melloren a aplicación e desenvolvemento das leis e dos seus instrumentos.

Desde o BNG sinalan a violencia machista como “o problema máis importante que afecta a vida das mulleres na nosa sociedade”. A portavoz municipal do bloque en Gondomar, Manuela Rodríguez, sinala ademais que, malia os intentos das posicións retrógradas da dereita e da extrema dereita de negala ou homologala a calquera outra violencia, “a violencia machista é unha violencia presente, evidente, diferenciada, consecuencia dun sistema de dominación social contra as mulleres, o patriarcado”.

É incuestionable a existencia da violencia machista e o seu forte impacto no noso país: no que vai de 2024, o feminismo convocounos ás rúas para mobilizarnos xa contra catro feminicidios no territorio galego. O terrorismo machista acabou, en marzo, coa vida de Andrea Yturry Alave, de 25 anos, que deixaba unha crianza; en agosto, de Mercedes Ríos Muñiz, de 74 anos; en outubro, de Fadoua Akkar, deixando tamén unha crianza; e hai apenas dúas semanas sacudiunos o asasinato da nosa veciña Estela Blach Silva, que tamén deixa unha crianza, co que se elevan a tres as vítimas de violencia vicaria.

“E diante destes datos non podemos ficar indiferentes”, traslada Rodríguez Pumar; “porque observamos con preocupación como as cifras se asumen cada vez máis como parte do día a día, normalizándose no lugar de escandalizar”. A isto contribúen os discursos negacionistas e banalizadores, mais tamén aqueles que queren situar a violencia machista como algo individual ou inevitable, cando existe unha responsabilidade colectiva, institucional e social, a de protexer os dereitos humanos e a vida das mulleres.

Fronte a falsos consensos institucionais e efemérides e datas sinaladas que se converten en rituais e baleiras de contido, a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde, manifestada en propostas concretas que melloren a aplicación e desenvolvemento das leis e dos seus instrumentos.

“Isto é o que o BNG reivindicou nas mobilizacións deste 25N e, como até agora, seguirá a ser a nosa prioridade na acción política de cada día”, afirma Rodríguez.


 

O BNG reclama converter a loita contra a violencia machista en verdadeira prioridade política, social e institucional