ACUSA A SANIDADE DE TENTAR “ESTIGMATIZAR” ÁS MULLERES DERIVÁNDOAS A CLÍNICAS PRIVADAS EN VEZ DE ATENDELAS NOS SEUS HOSPITAIS DE REFERENCIA
O BNG denuncia a intención do PP de privatizar o aborto
Reclaman á Consellería que destine os 2,5 millóns do contrato da ‘externalización’ do servicio de Interrupción Voluntaria do Embarazo a garantir a atención en centros do Sergas
Montse Prado: “Privatizar o aborto é unha decisión claramente ideolóxica que nada ten que ver coa falta de recursos”
Parlamento Galego, 28 de setembro 2023.- A deputada do BNG, Montse Prado, tachou de “claramente ideolóxica” a decisión da Consellería de Sanidade de “privatizar” o servizo da interrupción voluntaria do embarazo (IVE). Foi no transcurso do debate na Comisión 4ª do Parlamento, celebrada o 28 de setembro Día de Acción Global para o Acceso ao Aborto, en que se preguntaba sobre o anuncio por parte do goberno do PP dun contrato de 2,5 millóns de euros para a prestación do servizo.
Prado incidiu ademais en que a externalización deste servizo nos casos de menos de 14 semanas de xestación que non sexan de alto risco responde tamén ao intento do Goberno do PP de “estigmatizar” ás mulleres derivándoas a clínicas “como algo excepcional”, na vez de atendelas no seu hospital de referencia polos profesionais do servizo como calquera outra prestación, tal e como reclama o Bloque. “Esta licitación non ten a ver coa falta de recursos, ten a ver cunha escolla claramente ideolóxica do PP co obxectivo de facilitarlle o negocio á sanidade privada e ten a ver coas súas posicións cada vez máis ultras no que a dereitos das mulleres se refire”, asegurou.
Para Montse Prado, a licitación anunciada supón “un paso máis na carreira irresponsábel na que leva o PP os últimos catorce anos para descapitalizar a sanidade pública en beneficio da privada”. Neste sentido, instou á Consellería a destinar os 2,5 millóns de euros do contrato das IVE a dotar ao Sergas dos recursos necesarios para garantir a prestación dunha asistencia que, lembrou, está contemplada na carteira básica de servizos. Apuntou, ao respecto, que o número de abortos que se prevé realizar é de 800 cualificados de intervencións pouco complexas polo que, tendo en conta que en Galiza hai 14 hospitais públicos, fanse unha media de pouco máis de un á semana.
“Cales son as dificultades insalvábeis para non poder encaixar na programación de cada hospital un aborto á semana?”, preguntou, ao tempo que cuestionou se, máis que unha xustificación científica, haberá hospitais “con obxeccións de conciencia colectivas, incitadas, que están prohibidas pola lei”.
Entre as propostas feitas por Prado á Consellería figura a regulación da obxección de conciencia, a empezar pola creación do Rexistro de Obxectores, “e poidamos saber que profesionais o son e si o son na sanidade pública e tamén na privada”. “Usan a obxección de conciencia de xeito torticeiro e escurantista”, acusou, emprazando aos responsables de Sanidade a planificar as intervencións de IVE “como programan para que haxa profesionais para realizar unha transfusión ou operar unha apéndice”.
“O dereito ao aborto, a decidir sobre os nosos corpos, conquistámolo as mulleres a base de moita loita, e non lle imos permitir que nos poñan obstáculos para exercelo”, concluíu a súa intervención na Comisión 4º Montse Prado, que aproveitou ademais para denunciar que “a día de hoxe vemos con enorme preocupación como a dereita e a extrema dereita de ganchete tentan que se dean pasos atrás en dereitos conquistados”.