Aprobada por unanimidade a moción do BNG que insta á convocatoria inmediata do CMM
O prazo de renovación das conselleiras amplíase até o 30 de setembro e o órgano consultivo deberá ser constituído na primeira semana de outubro
Gondomar, setembro de 2023.- A moción do BNG, que insta ao goberno local a convocar o Consello Municipal da Muller (CMM) con carácter urxente para a primeira semana de outubro, foi aprobada por unanimidade no pleno do pasado xoves.
O Consello Municipal da Muller (CMM) é un órgano consultivo e de representación e participación das mulleres dos distintos colectivos feministas, sociais, sindicais e políticos con presenza no concello, e constitúe o foro onde consensuar as políticas de igualdade a desenvolver no ámbito municipal. O seu Regulamento establece que a renovación das integrantes debe realizarse no prazo máximo de tres meses desde a constitución da Corporación. “Ese prazo rematou o 17 deste mes, pero desde a área de Igualdade aínda non se procedeu a iniciar ese proceso”, lamenta a voceira municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
Así mesmo, a concelleira nacionalista engade que, malia figurar no regulamento que o CMM deberá celebrar sesión ordinaria, cando menos, unha vez cada catro meses, “este leva sen se convocar desde o mes de novembro de 2021, case dous anos. É dicir, que a até agora Presidenta do CMM, a concelleira de igualdade Nuria Lameiro, saltouse polo menos catro sesións ordinarias”, denuncia.
O BNG considera fundamental manter a periodicidade das xuntas do Consello para tratar temas de vital importancia como a avaliación o grao de cumprimento do 4º Plan de Igualdade Municipal 2017-2020, cuxa prórroga rematou en decembro de 2022, e para iniciar os trámites da elaboración do seguinte Plan; ou para tomar coñecemento e poñer en común as conclusións da Mesa Local contra a Violencia de Xénero. Para o BNG é fundamental o coñecemento dos datos sobre a situación da violencia machista no concello e a súa posta en común no seo do CMM, xa que “permitiría realizar campañas de sensibilización e accións directas sobre as súas causas”.
Para poder tratar estes temas, o BNG levou ao pleno a proposta de convocar reunión do CMM con carácter urxente para a primeira semana de outubro, ampliando o prazo de renovación das conselleiras até o 30 de setembro. O acordo obriga tamén a incluír na orde do día o debate de propostas de actividades e accións a desenvolver polo 25N, día internacional contra a violencia machista.