O BNG reivindica no Val Miñor políticas feministas como unha prioridade municipal
No encontro realizado en Gondomar puxeron en valor o seu modelo de igualdade para os concellos e chamaron a pasar dos xestos cosméticos a políticas feministas sólidas e con recursos económicos suficientes
GONDOMAR, 6 de maio de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego celebrou en Gondomar un encontro aberto baixo o título “As mulleres na política local”, no que participaron Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, e Ana Belén Casaleiro, concelleira de Medio Ambiente en Tomiño, xunto coa concelleira de Igualdade de Baiona, Yasmina Moreira, a candidata número 2 de Nigrán, Cristina Fernández, e a concelleira e candidata á Alcaldía polo BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez.
Na charla-coloquio fíxose unha análise do espazo que teñen as mulleres na política local, tanto dende a perspectiva de seren mulleres que exercen a política, como a respecto da necesaria perspectiva feminista na acción política nos concellos.
Outro xeito de facer política
Malia que todas as intervintes referiron ter sufrido “certo paternalismo e mesmo desprezo no exercicio da súa actividade política”, que sofre un escrutinio máis esixente do reservado aos políticos masculinos, as cinco políticas subliñaron que “é fundamental que as mulleres se atrevan a dar o paso a participar na vida política, con confianza nas súas propias capacidades”.
No encontro puxeron en común as experiencias en política local das mulleres do BNG, tanto no goberno coma na oposición. A alcaldesa de Moaña e as concelleiras gobernantes en Tomiño e Baiona destacaron, como característica central da súa forma de facer política, a aplicación da perspectiva feminista de xeito transversal a todas as áreas do goberno local, así como a importancia do traballo en equipo.
Políticas feministas reais e con orzamento propio
As distintas intervencións de poñentes e asistentes coincidiron en que a igualdade non se consegue a través de xestos aparentes, senón de políticas sólidas e de recursos que permitan facer políticas que melloren a vida das mulleres. E para iso, é imprescindíbel contar cun orzamento propio para a área municipal de igualdade.
A conclusión unánime do encontro foi que acción nos gobernos non pode limitarse a xestos cosméticos e discursos rimbombantes que non teñen ningún impacto positivo na vida das mulleres. “Non abondan os lazos violeta, as camisolas reivindicativas, as pintadas na rúa ou os actos na praza pública e en días sinalados, precísase demostrar vontade política cada día e considerar as políticas de acción feminista como unha cuestión prioritaria da política municipal. E ese é un dos eixos principais dos gobernos BNG”.