O BNG solicita información ao Concello a respecto do peche ao tráfico dunha vía municipal en Peitieiros

Esta semana a veciñanza desa parroquia topou, sen previo aviso, cunha sinalización do Concello que indica que o tramo de sentido único descendente que permitía evitar a Volta de Armeiro é agora de uso exclusivo das persoas residentes nel
Gondomar, 12 de marzo de 2025.- O BNG de Gondomar, a través da súa portavoz municipal Manuela Rodríguez, solicita información ao Concello a respecto do peche ao tráfico dunha vía municipal en Peitieiros.
Esta semana a veciñanza desa parroquia topou, sen previo aviso, cunha sinalización do Concello que indica que o tramo de sentido único descendente que permitía evitar a Volta de Armeiro é agora de uso exclusivo das persoas residentes nel.
Ese camiño, que leva máis de 25 anos utilizándose como alternativa á curva super pronunciada en dirección a Gondomar, é moito máis que un “atallo”. Máis alá de acurtar o desprazamento, serve de desvío para reducir os encontros nunha curva na que autobuses e camións teñen que invadir o carril contrario para poder tomala, co conseguinte perigo de accidentes.
Descoñécese se a razón de pechar ese tramo ao tráfico xeral radica no perigo para os desprazamentos a pé, que é real dada a súa pendente e a inexistencia de elementos de garantan a seguridade viaria. Mais, de ser así, “consideramos que hai outras solucións menos restritivas xa que o ancho da a vía permite a construción de beirarrúas elevadas que protexan aos peóns e existen diversos medios para forzar a redución da velocidade” apunta Rodríguez.
Tamén se descoñece se é unha medida transitoria, aínda que, a xulgar pola colocación dun sinal vertical fixo, semella que vai ser permanente. É por esa razón, e coa finalidade de informar á veciñanza, que o BNG rexistrou a pregunta na sede electrónica do Concello.