O BNG reclama da Xunta a humanización da PO-331 ao seu paso pola parroquia de Vincios
A fronte nacionalista presenta emendas aos orzamentos da Xunta para 2025 demandando a conversión en travesía urbana da parte que discorre polo centro de Vincios e a construción de senda peonil no tramo que atravesa o barrio do Tumbio
Reclama tamén a eliminación das peaxes da AG-57 como medida imprescindible para a converter en alternativa, máis rápida e máis segura, para o tráfico de paso da PO-331
Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG: “Urxe tomar medidas para reducir un volume de tráfico que é perigoso e incompatible coa vida normal da veciñanza.”
O Bloque Nacionalista Galego reclama da Xunta de Galiza a humanización da estrada PO-331 ao seu paso pola parroquia de Vincios. Faino a través da presentación de emendas aos orzamentos da Xunta para 2025 nas que demanda a conversión en travesía urbana da parte da estrada que discorre polo centro de Vincios e a construción dunha senda peonil polo tramo que atravesa o barrio do Tumbio.
Para o BNG a humanización é unha prioridade para Vincios, a parroquia máis poboada do concello de Gondomar despois da Vila, que se ve fendida pola metade por esta estrada que conta cun tramo claramente urbano –entre o polígono da Pasaxe e a rotonda dos Arcos–, onde a veciñanza soporta unha densidade de tráfico que provoca un grave problema de inseguridade para as persoas ademais dunha importante contaminación acústica e ambiental.
Así o demostra o estudo encargado pola Comunidade de Montes de Vincios e realizado pola empresa Qalidaire que conclúe que polo tramo da PO-331 que atravesa a parroquia circulan, en días laborables, máis de 15.000 vehículos diarios, 500 deles pesados. Outra evidencia é a sinistrabilidade da vía e o elevado índice de atropelos que se concentran nese tramo.
Diante deses datos, “urxe tomar medidas para reducir un volume de tráfico que é perigoso e incompatible coa vida normal da veciñanza”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
Na mesma liña, a nacionalista reclama tamén a construción dunha senda peonil no tramo desa estrada que atravesa o barrio do Tumbio. Esta senda, solicitude recorrente das veciñas e veciños, é fundamental para a seguridade dos peóns e para a boa comunicación entre a veciñanza. “Teñen serias dificultades para moverse a pé nesa zona. Non hai beirarrúas e non existen pasos de peóns, nin sequera nas proximidades das paradas de autobús ou dos contedores do lixo”.
Eliminación das peaxes da AG-57 para convertela en circunvalación
Como medida complementaria, o BNG reclama tamén a eliminación das peaxes da AG-57. A gratuidade, xunto coas medidas de calmado do tráfico no centro de Vincios, suporía un aliciente para converter a autoestrada en circunvalación e alternativa gratuíta á PO-331.
Libre de peaxes, a AG-57 contribuiría a mellorar a calidade de vida na parroquia e a reducir a sinistralidade e os riscos asociados ao tráfico. Así mesmo, serviría de conexión directa, máis rápida e máis segura, co hospital Álvaro Cunqueiro e outros centros médicos, de ensino, administrativos e de servizos da área de Vigo, e cos parques empresariais da Pasaxe e de Porto do Molle, todos eles principais focos de atracción do tráfico que utiliza o centro de Vincios como lugar de paso.