O BNG de Gondomar chama a participar nas mobilizacións do Día Internacional da Muller
Baixo o lema Coa Igualdade o 8M e os 365 días do ano a campaña da fronte nacionalista reivindica o compromiso feminista en todos os eidos e todos os días do ano para acadar a igualdade real
Gondomar, 7 de marzo de 2023.- O BNG de Gondomar chama a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista para este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, tanto na concentración das 12:30h na Ramallosa como na manifestación das 20h en Vigo.
Neste 2023, a organización nacionalista presenta a súa campaña baixo o lema “Coa Igualdade o 8M e os 365 días do ano”, para reivindicar que o feminismo ten que estar presente cada día e que o compromiso coa igualdade debe existir en todos os eidos e todos os días do ano para se converter nunha realidade.
“No BNG acreditamos en que a igualdade non se consegue a través de xestos aparentes senón de políticas sólidas e de recursos que permitan facer políticas que melloren a vida das mulleres”, afirma Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG en Gondomar, “e para iso é imprescindíbel contar cun orzamento propio tamén na área municipal de Igualdade”.
Mais dende que Paco Ferreira chegou ao goberno en 2015, e a pesar de contar con maioría absoluta desde 2019, este alcalde foi incapaz de elaborar un orzamento propio para o Concello e isto afecta directamente ás políticas que se fan en todas as áreas, tamén en igualdade. Desde o BNG “reclamamos a asignación dunha partida específica que permita desenvolver plenamente o Plan Municipal de Igualdade”.
Así mesmo, instan ao goberno a convocar de xeito inmediato o Consello Municipal da Muller (CMM), que leva sen convocar desde novembro de 2021, a pesar de que debe convocarse, como mínimo, cada catro meses. O CMM é o lugar onde están representadas as mulleres dos grupos feministas, sociais, sindicais e políticos con presenza no concello, e o goberno municipal debe escoitar as súas voces para elaborar as accións a levar a cabo en Gondomar en relación á igualdade e o feminismo.
Denuncia dos teitos de vidro e a fenda salarial
A denuncia central da campaña do BNG neste mes de marzo é a fenda salarial “porque as mulleres aínda soportamos teitos de vidro que impiden que poidamos exercer os nosos dereitos e cobramos 4.200 euros menos que os homes ao ano”, denuncia Carmela González, deputada do BNG no Parlamento galego.
Fronte a isto, propoñen a creación da Valedora da Igualdade cuxa finalidade será velar pola garantía dos dereitos das mulleres no sector privado, promover a igualdade e loitar contra a discriminación. Será un organismo con capacidade sancionadora “porque hai moitos dereitos que a día de hoxe xa están recollidos na lexislación, no papel, pero non se están garantindo na realidade”, subliñan dende o BNG.