O BNG de Gondomar urxe máis recursos para a prevención e a loita contra a violencia machista

25N
25N

O BNG de Gondomar urxe máis recursos para a prevención e a loita contra a violencia machista

Manuela Rodríguez: “De nada serve a lei se non se poñen ao seu dispor os medios económicos precisos para a facer efectiva”

O BNG de Gondomar urxe máis recursos para a prevención e a loita contra a violencia machista

Gondomar, 14 de febreiro de 2023.- O BNG de Gondomar urxe, máis unha vez, o incremento orzamentario necesario para a implantación de medidas de prevención e de loita contra a violencia machista. 


Con grande consternación polo feminicidio no veciño concello de Baiona, dende o BNG ven “máis necesario que nunca o desenvolvemento do marco normativo galego para facer da prevención o piar básico da acción administrativa nesta materia que facilite un adecuado apoio á loita social contra a violencia de xénero e que remova vellos estereotipos sexistas e impulse unha sociedade sen violencia”. 


As nacionalistas reclaman así dar cumprimento á lei galega 11/2007 para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Unha norma que, destacan, veu dotar dende hai 15 anos aos poderes públicos e á sociedade galega dun instrumento apropiado para prever, tratar e erradicar a violencia de xénero cara unha verdadeira realización do principio de igualdade. 


“De nada serve a lei se non se poñen ao seu dispor os recursos económicos precisos para a facer efectiva”, advertiu a portavoz municipal e candidata do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez. “De nada serve se non é unha prioridade para os Gobernos galego e local”, engadiu.


Máis financiamento para os CIM
Desde a fronte nacionalista afearon nese sentido que o orzamento da Xunta para este ano 2023 recorte o programa de accións para igualdade en 186 mil euros. “Os 84 Centros municipais de Información ás Mulleres (CIM) continúan co mesmo orzamento dende hai 13 anos”, cuestionou a candidata do Bloque, que explicou que este financiamento, en réxime de subvención e cun máximo de 45 mil euros por centro, só cobre o gasto de persoal “as máis das veces en situación precaria” 

Por estes motivos, desde o BNG reiteraron a necesidade dunha modificación do sistema de financiamento dos CIM e un incremento dos “insuficientes” recursos para as políticas de igualdade até como mínimo o 1% do total do orzamento galego. “É imprescindíbel se queremos situar a loita contra as violencias machistas como unha verdadeira prioridade política”, asegurou Rodríguez.

Sen recursos do Concello de Gondomar
A nivel municipal, a portavoz do BNG denunciou a inacción do goberno de Paco Ferreira nesta materia, malia as reiteradas propostas da fronte nacionalista. “Nos oito anos que leva no goberno, non asignou unha partida específica para a área de igualdade, o que impide desenvolver plenamente o Plan Municipal de Igualdade”, lamentou.


A candidata nacionalista subliñou que as medidas de prevención da violencia de xénero constitúen un traballo a medio e longo prazo, polo que cualificou de “fundamentais” medidas para a detección precoz como unha adecuada sensibilización social fronte a este problema, o papel primordial dos medios de comunicación social neste ámbito, así como as medidas de investigación e formación, en particular na educación regrada.


“É preciso intensificar as políticas de igualdade e de prevención e loita contra a violencia machista para ir á base do problema, para aprendernos a identificar comportamentos non explícitos de violencia machista e poder, dese xeito, evidencialos e evitalos”, indica Rodríguez.


Por esa razón, o BNG de Gondomar insta aos gobernos do PP na Xunta e do PSOE no Concello a que desenvolvan as súas respectivas competencias e que as doten do orzamento axeitado para que se poida ofrecer a mellor e maior atención a todas as mulleres que a precisen.

O BNG de Gondomar urxe máis recursos para a prevención e a loita contra a violencia machista