NA SÚA ACCIÓN POLO 25N
O BNG de Gondomar reclama compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista
O BNG de Gondomar reclama, dos gobernos da Xunta e do Concello, compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia contra as mulleres máis necesarios aínda no actual contexto de crise de prezos e de rearme do machismo.
Gondomar, 25 de novembro de 2022.- O BNG de Gondomar reclama, dos gobernos da Xunta e do Concello, compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia contra as mulleres máis necesarios aínda no actual contexto de crise de prezos e de rearme do machismo.
A organización nacionalista participou, baixo o lema Máis recursos contra o machismo. É de xustiza!, nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista o pasado venres 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Á preocupación pola vixencia da violencia machista, o contexto de 2022 engade a incerteza dunha situación económica na que a escalada de prezos que se vive desde hai máis dun ano impacta con virulencia nas mulleres, afondando na desigualdade. Nun contexto onde, ademais, medran os discursos misóxinos que cuestionan a desigualdade e a violencia machista, é necesario que as administracións revaliden o seu compromiso co impulso e o apoio económico das medidas en materia de fomento da igualdade e loita contra estas violencias.
Un dos recursos máis importantes cos que contan os concellos son os Centros de Información ás Mulleres (CIM). A Xunta de Galiza estabelece en 45.000 euros a contía máxima de subvención aos CIM como o de Gondomar. Esta limitación orzamentaria e a dificultade dos concellos de incrementar as súas achegas propias, deriva en que o groso dos recursos económicos vaian dirixidos ao pagamento do persoal e dos custes de mantemento dos centros, mentres que apenas o 5% se destina a accións de prevención da violencia ou de promoción da igualdade.
Nun momento histórico de ameaza de retroceso en materia de igualdade, e fundamental o fortalecemento dos CIM como elemento necesario para garantir a igualdade de opcións e trato, para avanzar na profesionalización e na mellora da atención e para prever e intervir ante as necesidades actuais. É por iso que o BNG demanda da Xunta de Galiza o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero no proxecto de orzamentos para 2023 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total. Así mesmo, o BNG demanda o reforzamento do financiamento anual dos CIM garantindo a cobertura dos custes de persoal e de mantemento, e favorecendo o desenvolvemento de actividades e programas de prevención da violencia machista e de promoción da igualdade, así como a incorporación de novos perfís profesionais aos centros.
No que respecta ao Concello, a incapacidade de Paco Ferreira para elaborar un orzamento nos sete últimos anos impidiu tamén a dotación dunha partida específica para a área municipal de igualdade. Desde o BNG “instamos ao goberno local a elaborar un orzamento para o 2023 que permita financiar a realización de campañas de sensibilización contra a violencia machista e actuación directa sobre as súas causas”.