O BNG insta á Mancomunidade do Val Miñor a activar de inmediato un protocolo de medidas protección das e dos traballadores do GES fronte ao COVID-19
“Desde o BNG”, afirma Rodríguez, “faremos seguemento do cumprimento destas medidas que a Mancomunidade, é dicir, os concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, deberían ter habilitado desde o primeiro momento”.
O BNG no Val Miñor, a través da portavoz municipal en Gondomar, Manuela Rodríguez, vén presentar no rexistro da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor un escrito dirixido ao seu presidente actual, o socialista Carlos Gómez, alcalde de Baiona. Nel ínstanse á institución a garantir de xeito inmediato as condicións de seguridade precisas para que as persoas traballadoras do Grupo de Emerxencias Supramunicipal non sigan a poñer en risco a súa saúde e, en consecuencia, a prestación do servizo.
O BNG contactou co colectivo de traballadores/as do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor, persoal laboral da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, para coñecer de primeira man a súa situación no relacionado coa crise sanitaria producida polo COVID-19. A través da delegación sindical do GES “soubemos que a Mancomunidade, de quen depende este servizo público e esencial, como todos os servizos de emerxencias, non lles trasladou as directrices e o protocolo correspondentes para garantir as condicións laborais de seguridade e hixiene correspondentes para protexer a súa saúde, engadindo así un risco maior ao que xa están sometidos pola propia natureza do seu traballo”, indican desde o BNG.
A Mancomunidade, como empregadora e responsábel do servizo, tampouco lles garantiu até agora, de oficio, nin de forma constante e en número suficiente, o suministro dos Equipos de Protección Individual (EPIS) que precisan, tendo que solicitalos as/os propias/os traballadoras/es a algún dos tres concellos do Val Miñor cando lles fan falta. Tampouco lles facilitou un sistema efectivo de limpeza e desinfección da súa base e dos vehículos cos que prestan o servizo, tendo que facelo os propios traballadores cos medios de que dispoñen.
Ante esta situación, o BNG insta á Mancomunidade, como entidade empregadora das e dos traballadores do GES do Val Miñor, a
- establecer, de xeito inmediato, o Protocolo e as medidas de actuación en materia de seguridade e hixiene, contando coa participación da representación legal dos/as traballadores/as.
- facilitar, en aplicación dese protocolo de seguridade e hixiene, de oficio e de forma constante e en número sufuciente, os EPIS necesarios para a prestación do servizo, garantindo aos/ás traballadores/as que o desempeño das súas funcións se dea nas máximas condicións de seguridade hixiénica: luvas, máscaras, pantallas, fundas, desinfectante, etc.
- facilitar, de xeito similar ao que se pon a disposición das policías locais dos concellos da Mancomunidade, un sistema de limpeza da súa base e dos tres vehículos cos que prestan o servizo que garanta a desinfección dos mesmos para unha maior protección dos/das traballadores/as.
“Desde o BNG”, afirma Rodríguez, “faremos seguemento do cumprimento destas medidas que a Mancomunidade, é dicir, os concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, deberían ter habilitado desde o primeiro momento”.
BNG Val Miñor.