SOLICITAN TAMÉN QUE SE VOLVAN CONVOCAR REUNIÓNS DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DA COVID E QUE SE FAGA NUN HORARIO QUE FACILITE A PARTICIPACIÓN DA COMUNIDADE EDUCATIVA.
O BNG insta ao Goberno Municipal a constitución inmediata do Consello Escolar Municipal de Gondomar.
Manuela Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG: “Xa o solicitaramos, sen éxito, no pleno celebrado o 1 de outubro pasado, ao inicio do curso, pero hoxe, ante o nivel de confusión creado polo Alcalde ao respecto dos filtros HEPA, consideramos que é realmente urxente”.
O BNG de Gondomar insta ao goberno municipal á creación e constitución inmediatas do Consello Escolar Municipal de Gondomar, órgano consultivo en que está representada a comunidade educativa, o foro axeitado para escoitar cales son as súas necesidades reais.
O BNG solicita tamén a reunión urxente da Comisión de Seguimento da Covid acordando coas equipas directivas dos centros de ensino e coas ANPAs día e horario que posibilite a súa participación. “Xa o solicitamos, sen éxito, no pleno celebrado o 1 de outubro pasado, pero hoxe, ante o nivel de confusión creado polo Alcalde ao respecto dos filtros HEPA, consideramos que é realmente urxente”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez. “Daquela, no inicio dun curso escolar en tempos de coronavirus que era o momento axeitado para tomar decisións valentes, o Sr Ferreira rexeitou propostas do BNG de apoio ás familias: buscar fórmulas que permitiran o funcionamento das Aulas Madruga, tan necesarias para a conciliación; restablecer o prezo do menú dos comedores, incrementado en case un euro por decisión do goberno local; ou realizar a desinfección tamén nas aulas do CRA de Chaín, Vilaza, Couso e Morgadáns de acordo ao protocolo COVID.”
A nefasta xestión dos filtros HEPA
A respecto da compra dos purificadores de aire, o Alcalde asegurou na prensa que tomara a decisión a petición das ANPAs, cando aínda non se reunira coas súas directivas. Estas, ao igual que as direccións dos centros de ensino, foron sorprendidas pola convocatoria, na mesma fin de semana do anuncio, para unha reunión telemática a celebrar en dous días. Esa precipitación, sen dar lugar a se reuniren previamente as familias do alumnado, está a provocar malentendidos entre familias e directivas de ANPAs e mesmo direccións de centros, no que para o BNG é unha clara utilización da preocupación das familias ante a COVID con fins propagandísticos por parte do Alcalde.
Nas reunións asegurou que xa mercara os 100 purificadores por un custe máximo de 15.000€ máis IVE para non ter a obriga de levalo a aprobación en pleno e co pretexto de axilizar a compra, supeditando así a calidade dos aparellos mercados a ese límite de gasto. Ante negativa para instalar os filtros nos centros sen previa autorización da Consellería de Educación e sen aclarar quen se ocuparía do mantemento, Ferreira insinuou que el os deixaría igual na porta dos centros ou que os doaría aos centros socioculturais do concello. “É este o xeito que ten o Sr Alcalde de administrar os cartos municipais? Fuxindo do control plenario e a golpe de improvisación e ocorrencia?”
BNG urxe a convocatoria da comisión municipal de seguimento COVID
O BNG considera que o axeitado tería sido valoralo primeiro nunha xunta da comisión municipal de seguimento da COVID na que estiveran presentes representantes da comunidade educativa. “Lamentablemente esa comisión deixou de se reunir a primeiros de novembro de 2020 e converteuse nun grupo de WhatsApp ao que, nos últimos días, o alcalde non deixa de enviar publicacións do seu propio Facebook relativas aos filtros HEPA. Algunhas tan pouco afortunadas coma un vídeo dun programa de Iker Jiménez, xornalista que dá cobertura a pseudo-científic@s que sosteñen teorías da conspiración, como a de que o coronavirus é unha arma biolóxica, que só contribúen á confusión da opinión pública.”
Para o BNG o debate neste momento non son nin os filtros, nin se os pode comprar o Concello, aínda que estes gastos deberían ser asumidos polo goberno de Feijóo que é quen ten as competencias en educación, “o que cuestionamos é que Ferreira antepoña as súas decisións unilaterais e propagandísticas ao diálogo coa comunidade educativa para coñecer de primeira man as súas necesidades reais en xeral e a opinión a respecto da instalación dos filtros en particular”, explica a concelleira. É por esa razón que o BNG insta a convocar de urxencia a comisión de seguimento da Covid para tratar este tema, e a crear no inmediato o Consello Escolar Municipal.
BNG Gondomar.