A NIVEL LOCAL, DENUNCIAN QUE AÍNDA NON SE LLE REALIZARON TEST DA COVID AO PERSOAL DO SAF DE GONDOMAR E INSTAN AO ALCALDE A XESTIONALO DE INMEDIATO
O BNG no Congreso esixe para o persoal dos servizos de axuda no fogar os mesmos dereitos que o persoal sanitario ante unha enfermidade derivada do contaxio por COVID19
O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, vén de solicitar a modificación do Real Decreto 27/2020 para que se inclúa ao persoal dos servizos de axuda no fogar (SAF) ao mesmo nivel que o persoal dos centros sanitarios e socio-sanitarios. Concretamente no que respecta á consideración das enfermidades derivadas do contaxio do virus SARS-CoV2 como continxencia profesional derivada de accidente de traballo, xa que se trata dun colectivo imprescindíbel e esencial que debe ter os mesmos dereitos que o sanitario.
O BNG ve necesario que se teña en conta que, por traballar con persoas especialmente vulnerábeis que residen nos seus domicilios onde poden ser visitados por familiares e amizades, a protección das traballadoras é fundamental como medida de contención para evitar a expansión do virus.
O deputado nacionalista, Néstor Rego, salientou que o persoal dos servizos de axuda no fogar “está exposto ás infeccións por COVID19 do mesmo xeito que o están os traballadores e traballadoras dos centros sanitarios e socio-sanitarios”.
Desde o BNG, critican que máis unha vez se ignore e invisibilice a este colectivo, que non se valore adecuadamente o seu traballo. Un traballo de coidados realizado maioritariamente por traballadoras, mulleres sobre as que cae, como é habitual, o peso do “estado do benestar”.
Por outro lado, a Portavoz do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, no seo da comisión municipal de seguimento da COVID realizada este luns, denunciou que aínda non se lle realizaron os test da COVID-19 ás traballadoras do SAF do concello, feito este que tanto o Alcalde como a concelleira de Servizos Sociais dixeron descoñecer malia ser o SAF un servizo municipal.
O BNG xa trasladara no mes de maio a necesidade de realizar as probas ao persoal das empresas concesionarias de servizos municipais, a comezar polo do Servizo de Axuda no Fogar por traballaren en contacto directo con persoas moi vulnerábeis ao virus. Tres meses despois “instamos ao Alcalde a xestionalo de inmediato, independentemente de a quen corresponda correr co gasto da realización das probas”, aprema a concelleira nacionalista.
BNG Gondomar.