Aprobada por unanimidade a iniciativa do BNG que reclama un espazo de estudo con máis prestacións para o estudantado de Gondomar
GONDOMAR, 12 maio 2026.- Aprobada por unanimidade a iniciativa presentada polo BNG de Gondomar no pleno de hoxe para urxir ao goberno municipal a dotar ao concello dun espazo de estudo que conte con máis prestacións. A organización nacionalista insta ao goberno do PSOE a ampliar espazo e, sobre todo, horario que inclúa franxas nocturnas en época de exames. A ausencia de horarios máis amplos está a obrigar a moitos estudantes e opositores a buscar refuxio en bibliotecas de municipios limítrofes, o que supón unha discriminación e un sobrecusto en tempo e desprazamentos.
Na súa exposición de motivos, o BNG subliñou que concellos da contorna xa contan con aulas de estudo que se converteron en referentes de socialización e traballo. "Gondomar non pode quedar atrás mentres a nosa mocidade ten que marchar fóra para poder preparar os seus exames", sinalou a voceira nacionalista Manuela Rodríguez.
A iniciativa do BNG lembra que, aínda que o goberno ten anunciado a nova biblioteca na Casa Peralba, esta non será unha realidade no curto prazo, polo que se require unha solución provisional, pero digna, de xeito inminente. Entre as demandas concretas a moción do Bloque solicita a habilitación inmediata dun local municipal de acceso libre e gratuíto, con wifi e tomas eléctricas e con horarios que que se adapten as demandas do estudantado gondomareño.
Así mesmo, o acordo plenario insta a que o proxecto da nova biblioteca que se está a planificar integre unha Aula de Estudo que cubra as necesidades específicas deste tipo de espazos e que coide a súa integración funcional no conxunto. Durante o debate, Manuela Rodríguez tamén lle lembrou ao alcalde que segue sen cubrir a praza de bibliotecaria que Ferreira leva anos prometendo.