O BNG de Gondomar insta ao Alcalde a investir en saneamento os fondos do plan extraordinario da Deputación
Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG: “Non hai no noso concello maior necesidade estratéxica que dotar deste servizo ás 3000 vivendas que non o teñen. Agardamos que tanto o goberno local do PSOE e como o provincial do PP atendan e poñan o prioritario por diante do estético.”
O BNG de Gondomar insta ao Alcalde a investir en saneamento os fondos do denominado Plan Provincia Extraordinaria-Plan Extra da deputación de Pontevedra. Un plan cuxas bases foron publicadas non BOP o pasado 22 de outubro, cun escaso mes de prazo para a presentación de proxectos, e que, no caso de Gondomar, cubriría un máximo do 75% do total até un tope de 900 mil euros.
Segundo as bases, o plan está pensado para financiar proxectos que sirvan aos concellos para acadar a ‘igualdade na prestación dos servizos’ de competencia municipal, proxectos que teñan ‘importancia estratéxica’ e posibiliten ‘a transformación, o desenvolvemento e a modernización reais tanto do territorio coma dos servizos prestados’ á veciñanza, de maneira que multipliquen ‘os efectos positivos dos investimentos públicos, de xeito sostible, integrador e igualitario, conseguindo a mellora efectiva dos servizos’.
Tendo iso en conta, desde o BNG agardan “que tanto o goberno local do PSOE como o provincial do PP atendan e poñan o prioritario por diante do estético”. Porque un saneamento deficiente reduce o benestar humano, xera enfermidades, provoca perda da calidade do medio e mesmo atrasa o desenvolvemento social e económico, polo que é máis que evidente que “non hai no noso concello maior necesidade estratéxica que dotar deste servizo ás 3.000 vivendas que non o teñen”, afirman.
A organización nacionalista traslada que, a pesares do prazo reducido, “damos por suposto que o goberno local terá xa elaborados proxectos de saneamento que poder presentar a esta liña de subvención”, polo que insta ao alcalde a lle dar prioridade sobre outros, e ao goberno da deputación a non lle poñer ‘atrancos’ para que os fondos poidan ser empregados nese servizo.
Rodríguez conclúe que se, tal como se pode ler na introdución das bases, o plan pretende ‘contribuír a potenciar unha provincia onde vivir mellor, con máis servizos e de máis calidade’, en Gondomar non cabe outra que investir en saneamento, “aínda que non lles dea votos nin saia bonito nas fotos”.