O BNG chama á Deputación a reimpulsar o Revitaliza e á Xunta a reformular a súa política de residuos para potenciar a reciclaxe
A deputada Manuela Rodríguez demanda melloras na estrada EP-2302
A formación nacionalista esixe ao goberno galego que afronte o 100% do ‘taxazo’ de Sogama porque non é asumible para os concellos
O BNG critica que o goberno do PP foi en contra das indicacións da Unión Europea en materia de residuos nos últimos anos e advirte que ou se producen cambios inmediatos ou haberá sancións serias.
No pleno do pasado venres grupo o provincial do BNG chamou ao goberno da Deputación a reimpulsar o Plan Revitaliza posto en marcha polo anterior goberno bipartito e á Xunta de Galiza adoptar a senda das políticas de residuos baseadas na reciclaxe para evitar sancións serias da Unión Europea. O voceiro César Mosquera subliñou que o goberno galego debe asumir agora o 100% do taxazo de Sogama porque, lonxe de traballar e avanzar nos últimos anos segundo as indicacións europeas de impulsar a prevención, a reutilización e a reciclaxe, foi na dinámica contraria e non axudou a que a repercusión aos concellos fose limitada.
Mosquera lembrou que no ano 2008 aprobouse unha directiva marco de residuos na UE que foi trasposta na lei 22/2011 no Estado español que xa advertía claramente da aplicación dun canon a vertedoiros e incineración como primeira medida para fomentar a reciclaxe. Criticou que na directiva europea de 2018 –que comezou a negociarse en 2014- tamén se advertía de que era preciso eliminar as subvencións aos tratamentos que foran en contra da prevención, reutilización e reciclaxe.
Sen embargo, dixo, en lugar de avanzar nas políticas de residuos seguindo as indicacións europeas e preparar todo para que cando chegase a aplicación do canon os concellos xa reciclasen e a repercusión fora máis baixa, en 2019 a Xunta baixou o canon e non aplicou ningún tipo de medida de acompañamento para os municipios, desincentivando así aos concellos a traballar en pro da reciclaxe.
“Ao final sucede que vén este “sablazo” nunha forma que incluso o presidente Rueda tivo que volverse atrás despois de defendelo con entusiasmo, porque non é asumible subir esa porcentaxe aos concellos. (...). A situación fóiselle das mans. Andamos xogando con baixar e subir o canon, e ofrecer que mandar a Sogama é máis barato, cando non é a solución. Iso non ten saída. A única saída é separar máis e reciclar máis e mandar menos a incinerar. Xa o sabiamos dende hai moito”, subliñou.
Para o BNG, é fundamental que o goberno galego reconsidere tanto o ‘taxazo’ como a súa política xeral de residuos. “Debían reflexionar aquí na Deputación se impulsan o Revitaliza para dar o seguinte paso, e non que siga vexetando malamente (...). Agora eliminemos esas subidas e reformulemos seriamente a situación, porque van vir as sancións da Unión Europea e non van ser unha ‘coña’, advertiu.
Hospital Álvaro Cunqueiro e AVE Vigo-Porto-Lisboa
Por outra parte, o BNG provincial votou a favor da moción na que se reclamou o impulso da liña de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto-Lisboa. Indicou Mosquera que “se alguén deu a batalla e pulou pola mellora do tren en Galiza” e incluso a declarou prioritaria en todas as institucións –entidades locais, Parlamento, Congreso e Senado- foi a formación nacionalista. “Se vén esta moción, veña do PP ou de quen sexa, imos votar a favor porque temos o noso posicionamento dende hai tempo, incluso dende cando o tren parecía que era de segunda categoría, pero nós pensabamos que era fundamental para vertebrar o país”.
O grupo nacionalista, na liña da solicitude da comisión de investigación rexistrada polo BNG no Parlamento galego, tamén votou a favor da petición de explicacións a Alfonso Rueda e a Núñez Feijóo polas irregularidades recollidas no informe do Consello de Contas sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro.
Melloras na estrada Gondomar-Chaín-Morgadáns
No Pleno de hoxe, o grupo provincial do BNG, a través da deputada Manuela Rodríguez Pumar, solicitou información ao goberno provincial sobre a estrada EP-2302 entre Gondomar-Chaín-Morgadáns e instou á súa mellora para aumentar a seguranza viaria para as persoas.
Explica a nacionalista que a veciñanza das mencionadas parroquias vive unha situación de inseguridade pola inexistencia de itinerarios peonís polos que transitar. Lembra que hai tramos construídos de beirarrúas en parte da estrada, dende o núcleo de Gondomar ata o enlace coa PO-341, pero hai un treito de 500 metros sen concluír a altura do barrio de Loureiro.
Para a deputada resulta inaceptable que as persoas que circulan pola vía teñan que transitar pola calzada, co conseguinte risco de atropelo que, ademais, se agrava porque é necesario cruzar ao outro extremo da vía nun lugar de moi escasa visibilidade no que ademais hai un terraplén. “O perigo de accidentes é moi alto. A Deputación debe concluír a mellora desta vía e garantir a seguranza da veciñanza”, finaliza.