O PP de Feixóo rexeitou todas as emendas presentadas polo BNG os Orzamentos da Xunta relativas ao concello de Gondomar
O BNG de Gondomar formulou un total de dez emendas parciais á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2021 que suporían un investimento de máis de 2 millóns de euros no concello
O BNG de Gondomar lamenta que o PP de Feixóo rexeitase todas e cada unha das emendas presentadas desde a localidade ao proxecto de Orzamentos das Xunta de Galiza. O BNG local formulou un total de dez emendas parciais á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2021 que suporían un investimento de máis de 2 millóns de euros no concello.
Así, en materia de política social as propostas do BNG de Gondomar propuñan un investimento de 700.000€ para o inicio no 2021 da construción dun centro de día para maiores e dunha nova escola infantil, ante a necesidade de dotar de prazas públicas uns servizos esenciais imprescindíbeis para a conciliación da vida familiar e laboral. En sanidade, 60.000€ para ampliar a atención de pediatría en horario de tarde no Centro de Saúde de Gondomar.
No tocante a educación o BNG propuña destinar 600.000€ a realización de melloras infraestruturais e de equipamento reclamadas pola comunidade educativa nos catro colexios públicos de Gondomar: construción dunha cociña nun centro da Vila, que posibilitaría elaborar en proximidade e con maior calidade os menús dos comedores, e outras derivadas das necesidades de adecuación de espazos por mor da pandemia, que abranguerían desde pechado de pistas a cubrición de espazos de acceso aos centros ou ampliación de comedores xa insuficientes antes dos protocolos Covid.
Un importe de 500.000€ destinado iniciar un plan de habilitación de vivenda protexida combinada con alugueiros de baixo custe, no camiño de garantir o dereito á vivenda ás rendas máis baixas e a fixar a poboación xuvenil emancipada no concello.
En canto a mobilidade, o BNG incluía unha proposta de investir 150.00€ destinada a incluír Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano para a veciñanza se beneficiar dos descontos da tarxeta metropolitana.
Por último, incluía, en partidas conxuntas con outras infraestruturas, a construción dunha senda peonil na estrada PO-341 Vincios-Couso, e completar a construción de beiravía na estrada PO-332 Vincios-Nigrán nos tramos que faltan na parroquia de Vilaza, ou a continuación das redes parroquiais de saneamento, dentro da área de medio ambiente.
“Máis unha vez, as propostas do BNG foron rexeitadas polo rodete da maioría absoluta do PP, co silencio cómplice do PP local da Sra. Bouzós, deixando Gondomar sen uns investimentos que suporían o reforzamento e alongamento dos servizos públicos, a dotación de vivenda social e a mellora do medio ambiente, a mobilidade e as infraestruturas viarias, e que incidirían de xeito significativo na calidade de vida e na creación de emprego no noso concello”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
BNG Gondomar.