O BNG denuncia a incompetencia de Paco Ferreira por ser incapaz de presentar un orzamento propio en oito anos de Alcalde
Manuela Rodríguez, portavoz municipal de e candidata do BNG ás vindeiras eleccións municipais: “Seguimos con moito Facebook e moita mediática do Alcalde, gabándose de actuacións realizadas -e mesmo dalgunhas sen realizar-, sempre a través de axudas e proxectos financiados por outras administracións e centradas basicamente en mellorar a imaxe do centro da vila, esquecendo as necesidades máis básicas das parroquias”
Gondomar, 14 de xaneiro de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego denuncia, máis unha vez, a incompetencia de Paco Ferreira por ser incapaz de presentar un orzamento propio en oito anos de Alcalde. O Goberno do PSOE volve condicionar a xestión municipal en Gondomar á prorroga dun orzamento do Partido Popular de hai xa once anos.
Gondomar comeza un ano máis sen proposta algunha de orzamento económico por parte do goberno local. Diante novamente da incapacidade do Sr. Paco Ferreira para aprobar un orzamento propio por oitavo ano consecutivo, a pesar de o PSOE contar agora cun goberno con maioría absoluta, o BNG de Gondomar, a través da portavoz municipal, Manuela Rodríguez, denuncia a incompetencia do goberno socialista para deseñar e aprobar unhas contas adaptadas ás necesidades actuais do concello, volvendo limitar a acción política do concello no 2023 a unhas contas do PP que xa eran deficientes en 2012.
“É un insulto a veciñas e veciños de Gondomar, e máis nos tempos que corren, que un goberno con maioría absoluta, que ten, a maiores do Alcalde, catro concelleiras/os con dedicación exclusiva máis un con dedicación parcial -que perciben máis de 300.000.-€ anuais en salarios-, sexa incapaz de elaborar unha proposta de orzamento, cando é parte do seu traballo. Fica clara a súa incompetencia”, denuncia a voceira do BNG. E engade: “A falla de orzamento propio denota tamén a ausencia de proxecto deste goberno socialista, capitaneado por un alcalde que gosta de gobernar a golpe de improvisación e ocorrencias, baseado unicamente na utilización partidaria da súa maioría absoluta”.
“Simplemente desidia, falta de ideas e incapacidade”. Unha falla de respecto a veciñas e veciños de Gondomar, así o califican desde o BNG. Porque a falla dun orzamento actualizado provoca que non se poidan reforzar e mellorar servizos básicos que se deben prestar, e que proxectos e actividades se vexan coutadas pola falla de dotación económica.
En resumo, “seguimos con moito Facebook e moita mediática do Alcalde, gabándose de actuacións realizadas -e mesmo dalgunhas sen realizar-, sempre a través de axudas e proxectos financiados por outras administracións e centradas basicamente en mellorar a imaxe do centro da vila, esquecendo as necesidades máis básicas das parroquias”, denuncia Manuela Rodríguez.
Gondomar segue sen servizos sociais suficientes para as necesidades do concello, sen orzamentos participativos, sen avanzar no saneamento integral do concello, sen resolver o problema da auga en Vilaza, sen actuacións municipais básicas, sen propostas en relacións aos efectos das inundacións, e o Sr. Ferreira segue se elaborar un orzamento. Fraco balance para oito anos de goberno.