O BNG de Gondomar non permitirá o retorno do PP á alcaldía pero tampouco avalará o “continuísmo” do PSOE
Manuela Rodríguez: “A veciñanza que confiou no BNG votou por un cambio de rumbo no noso concello que nin a dereita nin o actual alcalde poden garantir”
A organización nacionalista valora positivamente os resultados na localidade, cun aumento do 80% no número de votos, que deixaron a só 78 papeletas a obtención dunha segunda acta
O Bloque Nacionalista Galego vén de definir a súa posición en relación ao Pleno de investidura municipal sobre a premisa “firme e rotunda” de non permitir o retorno do PP á alcaldía pero sen avalar o “continuísmo” do actual alcalde, o socialista Paco Ferreira. Así o determinou a asemblea local da organización nacionalista nunha xuntanza de valoración dos resultados dos pasados comicios, dos que destacaron o aumento dun 80% no número de votos que deixaron a só 78 papeletas a obtención dunha segunda acta.
“Queremos agradecer a confianza das 807 veciñas e veciños que apostaron polo BNG e, inda que aspirabamos a conseguir unha maior representación, poden ter a garantía de que o noso voto será determinante para avanzar nas mudanzas que Gondomar precisa”, afirmou a candidata e portavoz municipal das nacionalistas, Manuela Rodríguez.
Nese sentido, Rodríguez avanzou que nin o PP encabezado por Paula Bouzós nin o proxecto do actual alcalde do PSOE, Paco Ferreira, representan o cambio de rumbo para o concello polo que apostaron as centos de persoas que apoiaron o BNG este 28 de maio. “Poden ter a seguridade de que non imos traizoar a súa confianza”, destacou.
A voceira do BNG afirmou taxativa que “nunca imos regalar a alcaldía á dereita, a mesma que dende a Xunta recorta a sanidade e educación” ou que “pacta sen pudor coa extrema dereita no resto do Estado”. “Que quede moi claro: o BNG non imos permitir o retorno do PP á alcaldía de Gondomar”, remachou.
Na mesma liña, a nacionalista desbotou “por completo” un acordo de goberno ou de investidura con Paco Ferreira, a quen reprochou os “continuos desprezos” durante o último mandato e a “total falla de diálogo” para atender demandas veciñais como a auga de Vilaza, as carencias en saneamento ou os servizos de conciliación. “O BNG non imos colaborar no continuísmo dun modelo de Goberno que non atende as necesidades de Gondomar, e que demostrou non ter máis proxecto que exercer o poder de maneira autoritaria e sectaria”, explicou Rodríguez.
“O BNG poñemos e poremos sempre por diante os intereses e as necesidades das e dos gondomareños”, afirmou a portavoz nacionalista, acrecentando que “iso é o que vai orientar sempre as nosas posicións e o sentido do noso voto determinante no Pleno”.