O BNG de Gondomar traslada á veciñanza o seu as agradecemento polo apoio recibido nas eleccións municipais
Malia o incremento dun 80% nos apoios con respecto ao 2019, este e non se traduce nun aumento da representación na corporación
Manuela Rodríguez: “A mensaxe do electorado foi moi clara, non quere maiorías absolutas, reclama máis diálogo, e iso imos esixir desde o BNG. E tal e como nos comprometemos, seguiremos a traballar para facer un Gondomar mellor, parroquia a parroquia”
O BNG de Gondomar traslada o seu agradecemento polo apoio recibido nas eleccións municipais. A confianza que o electorado depositou na candidatura do BNG incrementouse nun 80% respecto das anteriores eleccións, acadando os 807 votos. Mais, malia esa importante subida en votos, esta non se traduciu nun aumento da representación na corporación.
A candidata do BNG, Manuela Rodríguez, resalta que “a mensaxe do electorado foi moi clara, non quere maiorías ‘absolutistas’ e reclama máis diálogo, e iso imos esixir desde o BNG”. E salienta que “nós, o Bloque, tal e como nos comprometemos durante a campaña electoral, seguiremos a traballar para facer un Gondomar mellor, parroquia a parroquia. Sempre ao dispor da veciñanza e dos colectivos sociais”.