Unir o voto no BNG é a única alternativa real de goberno ao Partido Popular
Luís Bará, cabeza de lista do BNG: "Un goberno do BNG á fronte da Xunta garantirá o saneamento e a rexeneración da Foz do Miñor".
Mellora da sanidade, aposta polo comercio local e máis vivenda para a mocidade, compromisos estratéxicos da formación nacionalista tras o 18F.
Luís Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, instou hoxe dende o Val Miñor á veciñanza a mobilizarse nas urnas o 18F para cambiar o rumbo de Galiza da man do BNG, “a única alternativa real de goberno ao Partido Popular”. Bará sinalou o país está a tocar coas mans non só un cambio de goberno, senón un cambio de época liderado por Ana Pontón como primeira presidenta da historia, polo que pediu unha grande participación e que todo o voto da xente que quere cambio se concentre no Bloque “e non se perda”.
O número un na provincia destacou que o BNG será un aliado do Val Miñor e asegurou que fronte aos partidos madrileños que esta fin de semana inundan o país coas súas caravanas e mensaxes que nada teñen que ver con Galiza, o Bloque aposta por resolver os problemas e necesidades de galegas e galegos “coas mans libres”.
En chave local, subliñou que o Bloque porá en marcha un proxecto de rexeneración da Foz do Miñor e dos ríos Miñor, Groba e Belesar, cunha mellora no saneamento da zona, entre outras cuestións dimensionando a depuradora de Gondomar, para aproveitar todas as potencialidades naturais e económicas dos recursos marisqueiros.
Bará criticou as constantes negativas da Xunta do PP a actuar e apuntou que a situación, lonxe de arranxarse, vai a peor, xa que nos días pasados atopáronse centos de navallas e caranguexos mortos. “Hai un grave conflito de contaminación desta área, que moitos cualifican de cloaca a ceo aberto, cando debería ampliarse a zona protexida Natura 2000 e traballar para que poida haber de novo un aproveitamento marisqueiro”, salientou.
Fixo tamén fincapé en que un goberno do BNG na Xunta liberará de peaxe a autoestrada AG-57 do Val Miñor, sinalando que coa construción a veciñanza veu rota a unidade da comarca e “aínda segue a pagar”, xa que a vía non soluciona o tráfico da zona: a meirande parte de vehículos pesados evítaa polo seu elevado custe.
Para facer fronte a estas cuestións e aos 15 anos de desleixo do Partido Popular, Bará destacou que Galiza precisa un cambio de rumbo. Salientou que “estamos nun momento decisivo porque estas son as eleccións máis abertas dos últimos catorce anos, porque hai unha corrente de cambio imparable arredor do BNG, e porque podemos facer historia para que Galiza teña por primeira vez unha muller na presidencia coas mans libres para defender os intereses deste país ”.
Lembrou que todas as enquisas amosan tendencias claras, que o BNG está á alza e que o PP está en caída., e insistiu en que o cambio será posible se se dan dúas premisas: unha grande mobilización da xente que está convencida da necesidade de sacar ao PP do goberno, e a concentración do voto no BNG, “a única opción en disposición de disputar a presidencia ao Partido Popular”.
Sanidade, comercio, mocidade e vivenda
Pola súa banda, a candidata Carmela González baseou a súa intervención nas propostas do Bloque para sanidade e comercio local. Destacou que o modelo privatizador do PP deixa a saúde en mans privadas, dando o dato de que Rueda destinou cada ano 170 millóns de euros “aos petos das súas empresas amigas” para pagar o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro e o concerto con Povisa.
Fronte a isto, salientou que o BNG vai poñer en marcha un Plan de Rescate da Atención Primaria da Galiza cunha partida de 200 millóns de euro para reforzar a entrada á sanidade pública, e aumentará profesionais en todos os centros de saúde, nos PACs e das especialidades. Tamén anunciou a posta en marcha un Plan de Saúde Mental que incrementará o orzamento e o persoal. “No Val Miñor levades anos reclamando que se incremente o número de profesionais do Servizo de saúde mental no Centro de Especialidades da Xunqueira”, recoñeceu González.
Por outra banda, tamén asegurou a candidata que resulta difícil entender o centro de Baiona, Gondomar ou Nigrán sen a panadería, sen a zapatería, sen a froitería. Manifestou que o Bloque acredita no modelo de comercio local fronte aos grandes centros comerciais como o do Porto do Molle que afasta á veciñanza do centro das vilas.
Por iso, afirmou que dende o goberno da Xunta poranse en marcha cinco iniciativas estratéxicas: unha moratoria á implantación de novas grandes superficies e un gravame aos seus beneficios; un plan de mellora de contornas comerciais; un plan de mellora de xestión e un fondo de avais para incentivar iniciativas; e un plan de dixitalización e de comercio en liña.
O candidato Brais Ruanova subliñou, finalmente, que o BNG traballará para mellorar as condicións de vida da xente nova, para que non teña que emigrar e poida atopar unha vivenda digna “sen que sexa un trauma”, “algo que as mozas e mozos do Val Miñor sabedes ben, porque os alugueiros limítanse de setembro a maio e inzan os prezos a miles nos meses do verán”. “Os 15 anos de desgoberno do PP significaron a fin de toda política pública de vivenda, xa que non existe. Prometen que van facer 22.000 vivendas, pero na última década apenas se fixeron 22”, dixo.