FAI UN CHAMAMENTO Á PARTICIPACIÓN NA MANIFESTACIÓN DO DOMINGO 25 ÁS 12 DE MAÑÁ EN VIGO

O BNG de Gondomar súmase á campaña nacional campaña contra a violencia machista baixo o lema “A manada é o sistema”

cartaz_25N_2018

O BNG de Gondomar súmase á campaña nacional campaña contra a violencia machista baixo o lema “A manada é o sistema”

Con motivo da conmemoración do 25 de novembro como o Día Internacional contra a violencia machista, o BNG está a desenvolver unha campaña nacional baixo o lema "a manada é o sistema", na que poñen o foco en que a manada non son cinco, que hai manadas na xustiza, na política a nas institucións nun sistema que tolera que as mulleres sexamos agredidas por ser mulleres.

“O feminismo foi quen de impulsar unha folga histórica o pasado 8 de marzo. Isto ten que significar tamén un antes e un despois no combate da violencia machista. Debemos denunciar que a desigualdade, que ten a súa evidencia máis salvaxe nas violencias machistas, segue a ter un aliado fundamental no propio sistema. Un sistema político, económico, xudicial e social atravesado polo patriarcado e que fai que as promesas comprometidas e as leis aprobadas queden a miúdo en papel mollado”.

Desde o BNG lembramos que no que vai de 2018 foron asasinadas no noso país tres mulleres, 87 a nivel do estado, unha situación insostíbel para calquera sociedade que se considere democrática. “Mentres somos asasinadas e violadas temos que ver como o sistema que debera combater esta situación é a miúdo parte do problema. Vémolo cada vez que se culpabiliza á vítima, que se desculpa o agresor e cada vez que se pon nas mulleres a obriga de sermos nós quen nos salvemos no lugar de situar no punto de mira os agresores”.

Non son casos illados e que cómpre denunciar esta alianza patriarcal e reclamar mudanzas sobre todos os ámbitos que contribúen a esta desigualdade. “Para iso, a loita contra a violencia machista non pode sosterse con boas palabras e carteis, precisa de maiores recursos”.

E que fronte á autocomplacencia política que supuxo o Pacto de Estado, con limitados recursos, criterios alleos ás necesidades do país e sen cambios lexislativos significativos para Galiza, que xa tiña unha lei máis ambiciosa no ano 2007, cómpre ser esixentes. “Desde o BNG reclamamos como medidas urxentes destinar o 1% dos Orzamentos da Xunta contra a violencia machista. Tamén, crear unha unidade específica de Violencia Machista no ámbito da xustiza encargada de facer cumprir as leis. Cómpre impulsar xulgados específicos de violencia en todas as cidades e avanzar nunha comarcalización acorde coa realidade galega, promover o tratamento dos delitos sexuais nestes xulgados, impulsar medidas para o tratamento integral da violencia sexual como machista, medidas para evitar a violencia institucional e incluír nas avaliacións de risco a do agresor, así como dotar os servizos de persoal especializado e formado permanentemente”.

“Urxen mudanzas colectivas e ambiciosas para non conformarnos mentres máis da metade da sociedade sofre algún tipo de violencia machista. Compre sumarse á loita feminista, por iso, desde o BNG de Gondomar facemos un chamamento á participación na manifestación unitaria que se vai desenvolver en Vigo o domingo 25 novembro e que sairá ás 12:00h desde o cruce de Vía Norte con Urzaiz.

BNG Gondomar

O BNG de Gondomar súmase á campaña nacional campaña contra a violencia machista baixo o lema “A manada é o sistema”