O BNG de Gondomar enmenda en 6M € os orzamentos da Xunta para 2025
A organización nacionalista presenta unha ducia de emendas relacionadas coa localidade de Gondomar e que supoñen un investimento de 6M€ para o concello
As emendas formuladas céntranse no reforzamento dos servizos públicos, no medio ambiente e na mellora da mobilidade e das infraestruturas
Manuela Rodríguez, voceira municipal do BNG de Gondomar: “Agardamos que o PP non volva poñer veto á inclusión dunhas emendas que incidirían de xeito significativo na mellora da calidade de vida e na creación de emprego no noso concello.”
O Bloque Nacionalista Galego formulou un total de doce emendas parciais á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2025, que, de se aprobar, “suporían un investimento total de 6M€ no concello de Gondomar”, traslada a voceira municipal do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez. As emendas presentadas céntranse no reforzamento dos servizos públicos, no medio ambiente e na mellora das infraestruturas e a mobilidade.
O BNG propón investir 1,2M€ en máis e mellores servizos. Así, para posibilitar unha conciliación da vida familiar e laboral economicamente asumíbel, solicita dotar Gondomar de máis prazas públicas de escola infantil (0-3anos), dun centro de día público para maiores e de servizo de comedor para o alumnado de infantil do CRA Antía Cal. Tamén demandan máis medios e persoal para Centro de Saúde e para o Centro de Información ás Mulleres (CIM), así como melloras infraestruturais e de equipamento nos centros educativos da vila.
No que respecta ao medio ambiente as emendas suman 3M€ e inclúen a proposta de ampliación da estación depuradora e da rede de saneamento nas parroquias.
En infraestruturas e mobilidade proponse unha dotación de 1,8M€ para a inclusión de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano, para actuacións que palíen os efectos das enchentes en Mañufe, e para a construción de sendas peonís nas estradas PO-341 Vincios-Couso e PO-332 Vincios-Nigrán. No caso da PO-331, ademais da senda peonil ao seu paso polo barrio do Tumbio, tamén se propón a súa conversión en travesía urbana no tramo que discorre polo dentro da parroquia de Vincios.
A proposta do BNG para Gondomar tamén inclúe destinar unha partida para iniciar un plan de habilitación de vivenda con alugueiros de baixo custe, no camiño de garantir o dereito de acceso á vivenda ás rendas máis baixas e a fixar a poboación xuvenil emancipada no concello.
A parte das emendas de ámbito estritamente local, o BNG tamén presentou emendas comúns para o conxunto dos tres concellos do Val Miñor por valor de máis de 7M€, que suporían un beneficio colectivo tamén para a veciñanza de Gondomar.
“Agardamos que o PP non volva poñer veto á inclusión dunhas emendas que incidirían de xeito significativo na mellora da calidade de vida e na creación de emprego no noso concello”, apunta a concelleira nacionalista.