O BNG de Gondomar presenta emendas aos orzamentos da Xunta para 2026 que supoñen un investimento de 6,5M€ para o concello

Manuela Rodrigue, Voceira BNG de Gondomar
Manuela Rodrigue, Voceira BNG de Gondomar

As trece emendas formuladas céntranse no reforzamento dos servizos públicos, na vivenda, no medio ambiente e na mellora da mobilidade e das infraestruturas 

O BNG de Gondomar presenta emendas aos orzamentos da Xunta para 2026 que supoñen un investimento de 6,5M€ para o concello

O Bloque Nacionalista Galego formulou un total de trece emendas parciais á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2026, que, de se aprobar, suporían un investimento total de 6.500.000€ no concello de Gondomar. 

As emendas presentadas, centradas no reforzamento dos servizos públicos, no medio ambiente, na vivenda e na mellora das infraestruturas e a mobilidade, teñen o obxectivo de dar resposta ás necesidades reais do concello e de avanzar en igualdade, benestar e cohesión social. 

“A metade das propostas están directamente vinculadas a áreas esenciais como o ensino, a sanidade e os servizos sociais, ámbitos que consideramos infrafinanciados e desatendidos polo goberno galego” indica a voceira nacionalista Manuela Rodríguez. 

As emendas destinadas ao reforzo dos servizos públicos suman un total de 850.000 euros e recollen actuacións prioritarias para o municipio. No ámbito educativo, o BNG propón a mellora das infraestruturas e equipamentos nos colexios públicos e nos IES de Gondomar, así como a creación dun servizo de comedor para as aulas do CRA Antía Cal, co fin de garantir igualdade de oportunidades para todo o alumnado. 

En materia de política social, o BNG demanda financiamento para os proxectos de construción dun centro de día público e de ampliación de prazas públicas na escola infantil “Galiña Azul”, así como o incremento do financiamento do Centro de Información ás Mulleres (CIM), servizos clave para facilitar os coidados, a conciliación familiar, a igualdade e o reforzo da atención ás mulleres e a loita contra as violencias machistas. 

No eido da vivenda, proponse que o goberno galego invista 2M€ para iniciar un plan de habilitación de vivenda de promoción pública combinada con alugueiros de baixo custe, no camiño de garantir o dereito á vivenda ás rendas máis baixas e de fixar poboación moza no concello. 

No que respecta as infraestruturas e a mobilidade as emendas suman 1,4M€ e inclúen a construción de sendas peonís na estrada PO-341 Vincios-Couso e na PO-331 ao seu paso por Vincios, ademais da conversión en travesía urbana do tramo que discorre polo centro da parroquia de Vincios. 

No relativo ao medio ambiente, co obxectivo no medio prazo do saneamento integral de concello, o BNG solicita o investimento dun total de 2,25M€. Irían destinados á ampliación da depuradora de Gondomar, para adecuala a unha capacidade que lle permita atender correctamente o volume ao que dá tratamento actualmente e tamén e as máis de 3.000 que arestora carecen de conexión á rede municipal; a ampliar e mellorar a rede municipal de saneamento, un servizo básico e irrenunciábel, que atende deficientemente só ao 60% das vivendas do noso concello; así como unha partida para iniciar traballos destinados a paliar os efectos das enchentes. 

Aparte das emendas de ámbito estritamente local, o BNG tamén presentou emendas comúns para o conxunto dos tres concellos do Val Miñor por un total de 4M€, que supoñen un beneficio colectivo tamén para a veciñanza de Gondomar. 

Estas emendas do BNG aos orzamentos de Xunta para 2026, incidirían de xeito significativo na mellora da calidade de vida e na creación de emprego no noso concello, enfrontaranse á maioría parlamentar do PP que nos anos precedentes rexeitou calquera achega proposta. “Diante da inacción do goberno municipal de Gondomar e o habitual veto do PP, as propostas do BNG reflicten as necesidades de Gondomar, reclaman solucións e poñen en claro a función que cumpre cada quen”, trasladan Rodríguez. 

O BNG de Gondomar presenta emendas aos orzamentos da Xunta para 2026 que supoñen un investimento de 6,5M€ para o concello