O BNG chama a aproveitar ata o último día para presentar alegacións contra os parques eólicos na Serra da Groba

Membros do BNG na Serra da Groba
Membros do BNG na Serra da Groba

A deputada nacionalista Manuela Rodríguez subliña na Deputación que é preciso impedir que se instale o primeiro muíño “para non abrir a veda”

O BNG chama a aproveitar ata o último día para presentar alegacións contra os parques eólicos na Serra da Groba

O BNG chamou á mobilización social e a aproveitar ata o último día da ampliación do prazo de alegacións contra os parques eólicos previstos para a Serra da Groba. Así o fixo a deputada Manuela Rodríguez na Deputación, onde o Partido Popular provincial votou en contra da moción do Bloque para defender o espazo natural ante o último proxecto de muíños de vento.

A nacionalista subliñou que a mobilización social contra iniciativas coma a que se está a tramitar foi masiva no pasado, con máis de 100.000 sinaturas, e o traballo incansábel dos concellos e entidades da contorna en contra, “demostrando que a cidadanía non acepta a depredación do seu patrimonio natural e cultural en nome dunha transición enerxética mal entendida”. Subliñou que nestes momentos é preciso facer de novo forza social contra a última proposta, poñendo en valor a manifestación realizada hai 15 días e a nova recollida de escritos. “Hai prazo de novo. Chamamos a continuar nesta liña ao terse ampliado o prazo de alegacións ata o 4 de maio”, destacou Rodríguez.

A deputada do Bloque fixo fincapé en que non ten sentido que a Xunta de Galicia inicie o trámite de avaliación ambiental dos novos proxectos, xa que son análogos aos rexeitados anteriormente, ademais de estar fragmentados. Segundo subliñou, as empresas promotoras teñen dividido artificialmente a dimensión dos parques para esquivar os atrancos legais e “poder poñer un primeiro muíño e que despois se abra a veda”. Insistiu en que a Xunta debería facer un exercicio de responsabilidade para que non se coloque nin sequera o primeiro muíño “e a Serra da Groba siga a ser unha xoia”.

Rodríguez lembrou que a formación nacionalista xa presentou alegacións oficiais na Consellaría de Medio Ambiente a principios de marzo rexeitando tanto os aeroxeneradores como as liñas de evacuación, que afectarían aos concellos de Oia, Baiona e Gondomar. No Pleno da Deputación, a máis, defendeu unha moción no mesmo sentido, que foi apoiada polo PSOE e rexeitada polo PP, sendo necesario o voto de calidade do presidente Luís López para que non fose adiante.

Rodríguez afeou ao PP o seu posicionamento e subliñou que o goberno galego demostraría realmente traballar na preservación da Groba e do patrimonio natural galego de maneira “moi fácil”, simplemente ao non admitir a trámite as solicitudes de autorización administrativa previa, de construción e do estudo de impacto ambiental conxunto na serra “por ser un novo intento de atentar contra un espazo de alto valora natural”.

O BNG chama a aproveitar ata o último día para presentar alegacións contra os parques eólicos na Serra da Groba