O BNG de Gondomar solicitará do pleno o rexeitamento aos novos proxectos eólicos na Serra da Groba
Presenta unha moción para instar á Xunta a que denegue calquera autorización administrativa e a que os informe negativamente
Manuela Rodríguez, portavoz municipal: “Animamos a veciñas e veciños a presentar alegacións en contra este novo intento de agresión ambiental que tamén afecta directamente a Gondomar”
Gondomar, 3 de marzo de 2026.- O BNG de Gondomar solicitará do pleno da Corporación municipal o rexeitamento aos novos proxectos eólicos na Groba. Na moción presentada instan tamén á Xunta a que denegue “calquera autorización administrativa e que os informe negativamente”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
Explica Rodríguez que a iniciativa demanda, ademais, que se lle dea a “máxima protección á Serra”, declarándoa Espazo Natural Protexido, e que elabore, xunto cos concellos e as comunidades de montes que atravesa, un deseño para o seu desenvolvemento sostíbel. Un plan que potencie "usos compatibles coa súa conservación": gandaría extensiva, apicultura, recuperación do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, turismo de natureza e fomento do autoconsumo enerxético comunitario.
A afección en Borreiros
Ademais do "grave impacto" que suporía na propia Serra da Groba a instalación deses catro aeroxeradores de 105 metros de altura e de 149 metros de diámetro de rotor, cunha unha potencia de 4,99 MW, a afección esténdese tamén ao territorio por onde discorren os 10 quilómetros da liña de evacuación que, partindo de Oia e pasando por Baiona, chegarían até Gondomar.
Esa liña soterrada estaría composta por dous circuítos independentes, de 20.000 voltios, cada un que levarían a corrente até a SubEstación (SE) de Unión Fenosa Distribución (UFD) xa existente en Borreiros. O paso do doble circuíto transportador da electricidade suporía unha gran afección na parroquia: polas limitacións de usos do solo, polo risco de danos por escavacións, pola necesidade de proteccións mecanicas e sinalización. Afectaría tamén á confluencia ou cruzamento desas liñas coas conduccións de subministración de auga, veciñal ou municipal, do saneamento, alumeado público, regadío e outras. Así mesmo, algúns tramos da vía pola que discorrería teñen ancho reducido, o que implica maior proximidade ás vivendas lindantes e, por conseguinte, menor distancia de seguridade.
Recollida de alegacións
No camiño de impedir esta agresión ambiental, e xunto coa iniciativa institucional, o BNG desprega tamén a acción social. Após a charla informativa realizada o pasado venres na parroquia de Borreiros, o BNG continúa coa “recollida de alegacións” contra estes proxectos co obxecto de presentalas na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dentro do período de exposición pública que remata o vindeiro 18 de marzo.
A tal fin, Rodríguez informa de que poñen "a disposición da veciñanza un modelo de alegación" que estará dispoñible na web do BNG de Gondomar (gondomar.bng.gal) e "nas mesas de recollida" que instalarán, inicialmente, o sábado 7, de 11:30h a 13:00h, na Praza de Rosalía en Gondomar, e de 18:00h a 19:30h, no Centro Cultural de Borreiros.