O BNG solicita á Deputación beirarrúas ou unha senda peonil na estrada provincial EP-2301 Gondomar-Peitieiros
A deputada provincial Manuela Rodríguez denuncia a existencia de problemas de mobilidade peonil e inseguridade, xa que a veciñanza ten que transitar directamente pola calzada ao non haber beiravías nin cunetas nunha parte importante da estrada
O grupo provincial do BNG solicitou hoxe á Deputación a necesidade urxente de mellorar a seguranza viaria para as persoas na estrada provincial EP2301 entre Gondomar e Peitieiros no treito que vai dende o inicio en Gondomar até o punto quilométrico 1,2. A deputada provincial Manuela Rodríguez solicita que se constrúa un itinerario peonil seguro e continuo para o conxunto da estrada.
Actualmente na súa parte final conta con dous quilometros de conta de beirarrúas construídas xa que hai uns vinte anos por ambas marxes -en moitas zonas de escasa dimensión-, mais no resto da vía provincial as veciñas e os veciños teñen que circular camiñando pola propia estrada, xa que, agás nun pequeno tramo, non existen nin beiravías nin cunetas, coa perigosidade que iso supón.
Rodríguez considera necesaria unha actuación integral na que se melloren as condicións nas que transita a veciñanza. Propón ao departamento de Infraestruturas que estude a viabilidade de continuar coas beirarrúas existentes, non necesariamente polas dúas marxes, ou de construír unha senda peonil e ciclista cun largo suficiente, para que as persoas poidan camiñar comodamente en paralelo con paraugas abertos, “algo que acontece moi habitualmente neste país”.
A deputada e concelleira do Bloque subliña que é fundamental un proxecto amplo no que tamén se delimiten posibles zonas de convivencia e prioridade peonil onde non exista sección suficiente para construír as beirarrúas, marcando as zonas de velocidade máxima e mesmo de calmado de tráfico, mellorando a sinalización horizontal e vertical e a iluminación, “algo fundamental tamén para aumentar a seguranza viaria, xa que se producen aínda máis situacións de perigo durante a noite que polo día”, destaca a nacionalista.
Con todo, e mentres non se redacte o proxecto definitivo, a voceira apunta que a Deputación debería incluír a estrada provincial no plan de cunetas transitables para, polo menos, paliar dalgún xeito a situación de inseguridade viaria en treitos concretos.
Rodríguez fixo esta solicitude á Deputación, ao tempo en que subliñou que o Concello deberá poñer a disposición os terreos necesarios das fincas afectadas para poder asinar un convenio como os que o goberno provincial está a pechar con outros municipios polos que discorren estradas provinciais, con financiamento compartido.