O BNG avanza accións para liberar de peaxes a AG-57 tras anunciar a Xunta o rescate das autovías autonómicas
A fronte nacionalista esixe o mesmo trato coa autoestrada que conecta os concellos do Val Miñor para poñer fin a unha “discriminación histórica”
VAL MIÑOR, 15 de outubro 2024.- O Bloque Nacionalista Galego avanza accións para liberar de peaxes a AG-57, de titularidade autonómica. A fronte nacionalista esixe o mesmo trato coa autoestrada que conecta os concellos do Val Miñor despois de que a Xunta de Galiza veña de anunciar o rescate da concesión de 4 autovías tamén autonómicas.
“Dende o BNG levamos anos denunciando a histórica discriminación que supoñen as peaxes da AG-57 para a veciñanza de Gondomar, Baiona e Nigrán”, cuestionaron a este respecto as portavocías nacionalistas dos concellos afectados, lembrando o elevado tráfico que soportan as vías convencionais que atravesan o Val Miñor.
Nese sentido, a representación do Bloque reiterou a urxencia de converter a AG-57, cuxa concesión remata no ano 2045, nunha alternativa gratuíta ás estradas Vigo-Baiona e Gondomar-Vigo, mellorando tamén a conexión dos parques empresariais da Pasaxe-Vincios (Gondomar) e do Porto do Molle (Nigrán) así como coa autoestrada AP-9. Dende a fronte nacionalista anunciaron ademais que van interpelar ao Goberno de Alfonso Rueda sobre os motivos para excluír a autoestrada AG-57 do rescate das concesións e da eliminación das peaxes nas vías autonómicas. “Supón un agravio para os nosos concellos que o PP vai ter que explicar”, advertiron dende o Bloque.