O BNG reclama a gratuidade e o rescate da autoestrada do Val Miñor
A organización nacionalista ven de presentar unha emenda aos orzamentos da Xunta
para 2021 por un importe de 2.500 M. para bonificacións de maior calado
O BNG convocou hoxe un acto reivindicativo da gratuídade da AG-57 no que participaron Carmela González, deputada no Parlamento Galego; Iago Pereira, tenente de alcalde en Baiona; Manuela Rodríguez, portavoz municipal en Gondomar; e Xavier Rodríguez, responsábel local en Nigrán, ademais de varios membros das organizacións locais do BNG .
No acto denunciouse a discriminación que, por parte do goberno do PP, sofre o Val Miñor a respecto doutras comarcas como O Morrazo ou O Salnés, que desfrutan de autovías autonómicas gratuítas. Se estiver libre de peaxes, a AG-57 serviría de circunvalación ao Val Miñor, mellorando a mobilidade xeral na comarca e eliminando o tráfico de paso polos núcleos urbanos. Desconxestionaría as estradas Vigo-Baiona, evitando atascos na Ramallosa, principal nó de conexión dos tres concellos; ou Nigrán-Vigo, por Parada e Vilaza, e Vigo-Gondomar, ao seu paso por Vincios, humanizando as parroquias e contribuíndo a mellorar a calidade de vida e reducir a sinistralidade e os riscos asociados a este tráfico, que en moitos casos é tráfico pesado.
Tamén serviría de conexión directa, rápida e gratuíta co hospital Álvaro Cunqueiro, e con outros centros médicos, de ensino, administrativos e de servizos da área de Vigo; e melloría a competitividade e a conectividade dos parques empresariais da Pasaxe-Vincios (Gondomar) e de Porto do Molle (Nigrán), e destes coa AP-9.
O BNG APOSTA POLO RESCATE DA AG-57 PARA A SÚA XESTIÓN PÚBLICA
Denunciaron tamén a irrelevancia da medida, anunciada por Feijóo o pasado 8 de decembro, dunhas ridículas reducións das peaxes, só nalgúns tramos desta autoestrada é só para vehículos pesados, pero sen ningunha redución para os vehículos lixeiros, sexan estes de traballo ou de uso privado, e que por tanto non van ter incidencia na mobilidade no Val Miñor nos desprazamentos que realiza a súa veciñanza tanto por razóns de traballo como para as diversas xestións persoais (de saúde, ensino, administrativas, de ocio,...).
“No podemos consentir que, por ser de pago, usar a AG-57 se converta nun sobre custo nos desprazamentos ou que, para evitalo, simplemente non se use. Desde o BNG apostamos polo rescate da AG-57 para a súa xestión pública e pola supresión das peaxes nesta autoestrada, demandas sociais que contan con amplo respaldo na comarca”, indicaron os representates municipais do BNG no Val Miñor.
Nese sentido, a deputada Carmela González anunciou que “o BNG vén de presentar unha emenda aos Orzamentos da Xunta para o ano 2021 co obxectivo de destinar unha dotación de 2.500 millóns de euros a bonificacións de maior calado e á realización do estudo da viabilidade da supresión total das peaxes e do rescate da concesión da AG-57, para poder tomar desde o goberno galego as decisións sobre a súa xestión”.
BNG Val Miñor.