O BNG de Gondomar propón á Xunta que faga gratuíta a AG-57 como alternativa ás obras contra as inundacións

ObraXuntaPonte
ObraXuntaPonte

A fronte nacionalista lamenta que nin o Goberno galego nin o municipal conten cun plan para canalizar o intenso tráfico que circula a diario pola ponte de Curros Enríquez, que será demolida

Manuela Rodríguez: “Nin a estrada Vincios-Couso nin o centro de Gondomar poden soportar tanto vehículo, e os camións e autobuses simplemente quedarían atascados”

O BNG de Gondomar propón á Xunta que faga gratuíta a AG-57 como alternativa ás obras contra as inundacións

Gondomar, 3 de abril de 2023.- O BNG de Gondomar insta á Xunta de Galiza a habilitar a AG-57 como alternativa á rúa de Curros Enríquez, cando menos durante ás obras destinadas a reducir o risco de inundacións no concello e que suporán a demolición da ponte actual. A organización nacionalista lamenta que nin o Goberno galego nin o municipal conten cun plan para canalizar o intenso tráfico que circula a diario por esta vía.

“Nin a estrada Vincios-Couso nin o centro de Gondomar poden soportar tanto vehículo, e os camións e autobuses simplemente quedarían atascados”, advertiu a concelleira e candidata do BNG á Alcaldía de Gondomar, Manuela Rodríguez, que alertou do “grave problema de seguridade” que vai provocar durante o tempo de execución da obra, cunha duración prevista dun ano como mínimo.

Rodríguez solicitou nese sentido unha reunión urxente co Concello e a Xunta para explorar estas alternativas que, a xuízo das nacionalistas, pasan por dar acceso “libre e gratuíto” á AG-57 para convertela nunha circunvalación de uso obrigatorio para todo o tráfico que non teña como destino a vila de Gondomar.

Dende a fronte nacionalista urxen a buscar unha solución antes de que comece a demolición da ponte da rúa de Curros Enríquez e a construción dunha nova de máis amplitude para facilitar o paso da auga en momentos de enchente na zona en que se xuntan as canles dos dous ríos.

O BNG de Gondomar propón á Xunta que faga gratuíta a AG-57 como alternativa ás obras contra as inundacións