O BNG reclama a PP e PSOE que deixen as leas partidistas e desbloqueen dunha vez proxectos fundamentais para Gondomar

ManuelaRguezBNG_Pleno
ManuelaRguezBNG_Pleno

Solicitan unha reunión da xunta de portavoces municipais onde poder contrastar toda a información relativa ao estado dos proxectos de urbanización da 1ª fase do Polígono Industrial da Pasaxe e de actuacións para a prevención das inundacións

 

Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG: “Non podemos tolerar que ás continuas liortas entre PP e PSOE impidan o desenvolvemento do Polígono da Pasaxe ou as obras para paliar os efectos das enchentes no concello”

O BNG reclama a PP e PSOE que deixen as leas partidistas e desbloqueen dunha vez proxectos fundamentais para Gondomar

GONDOMAR, 26 febreiro de 2025.- O BNG reclama aos gobernos do PP na Xunta e do PSOE no Concello que se deixen xa de leas partidistas e desbloqueen dunha vez proxectos que son fundamentais para Gondomar.

O organización nacionalista demanda a convocatoria urxente da xunta de portavoces municipais onde poder contrastar toda a información relativa ao estado dos proxectos de urbanización da 1ª fase do Polígono Industrial da Pasaxe e de actuacións para a prevención das inundacións.

Así mesmo, solicita o acceso previo a toda a documentación relativa aos incrementos nos custes das obras da Pasaxe, así como aos termos do acordo de modificación das obras previstas para paliar os efectos das enchentes no concello.

“Preocúpanos que os gobernos galego e local repliquen en Gondomar a situación viguesa, e que as súas continuas disputas sigan a demorar ou mesmo acaben por impedir a realización de proxectos chave para o noso concello”, indica a Portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

A preocupación do BNG vén dada polo cruce de misivas, notas de prensa e declaracións entre o Concello de Gondomar e a Consellaría de Industria a respecto da petición e envío de datos e documentación sobre os sobrecustos nas obras de urbanización do polígono industrial. Ou entre o Concello e a Consellaría de Medio Ambiente en relación aos obstáculos para a realización das obras para mellorar a drenaxe na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns.

Para o BNG non se entende esa actitude, salvo que a intención sexa a de escenificar as diferencias por cuestións partidistas e de réditos electorais. “Mais non parece propio de administracións serias facer esa exhibición pública dos seus desencontros, deberían ser quen de resolvelo nos despachos”, lamenta Rodríguez.

É por iso que desde a organización nacionalista chaman á cordura tanto ao goberno de Gondomar como ao goberno da Xunta. “Non se pode tolerar que ás continuas liortas entre PP e PSOE limiten o desenvolvemento do polígono da Pasaxe, polo que iso podería significar para a viabilidade das empresas e para os postos de traballo presentes ou futuros. Nin tampouco que esas leas partidistas impidan a prevención das inundacións, xa que é vital evitar novos danos materiais ou que se poidan dar peores consecuencias”, remarca a voceira do BNG.

O BNG reclama a PP e PSOE que deixen as leas partidistas e desbloqueen dunha vez proxectos fundamentais para Gondomar