Comunicado do BNG de Gondomar respecto da non asistencia ao acto de inauguración do novo céspede das Gaiandas
Faino en coherencia coa posición mantida no pleno en que se aprobaron –coa abstención do BNG– as melloras no campo de fútbol e en protesta polo incumprimento doutros acordos relativos a investimentos en servizos municipais básicos.
“Manténdonos nesa posición publicamente coñecida, desde o BNG de Gondomar parabenizamos ao Club de Fútbol Gondomar polas novas instalacións, que sen dúbida mellorarán o seu rendemento, e trasladámoslles os nosos mellores desexos de éxito, reflectidos en resultados deportivos, medre da canteira e progreso das escolas de fútbol base”.
O BNG, en coherencia coa posición manifestada durante o pleno municipal en que se aprobou –coa abstención do BNG– destinar 400.000€ ás melloras no campo de fútbol, e en protesta polo incumprimento doutros acordos dese mesmo pleno relativos a investimentos en servizos municipais básicos, decidiu non participar do acto de inauguración do novo céspede de As Gaiandas.
No pleno de abril deste ano, ademais do gasto para o novo céspede, foi aprobada unha moción do BNG que instaba a investir os remanentes municipais na atención das necesidades reais de Gondomar. Unha proposta dirixida a incorporar nos orzamentos municipais 1.160.000 €uros, o 42% dos remanentes, para os destinar aos seguintes usos e aplicacións:
-
815.000 €uros para dotar de saneamento e auga a vivendas que carecen destes servizos, sexa de forma directa ou a través de axudas ao baleirado de fosas sépticas, e ás comunidades de auga parroquiais.
-
190.000 €uros para a habilitación do comedor do CRA Antía Cal na antiga casa da mestra en Peitieiros, para o apoio as aulas matinais nos colexios e para melloras nos centros educativos públicos do concello.
-
115.000 €uros para melloras en parques infantís e bio-saudábeis e para a realización de accións de apoio e impulso ao pequeno comercio e de proximidade.
-
40.000 €uros para diversa programación cultural.
Hoxe, transcorridos nove meses daquel pleno, inaugurouse o cespede da Gaiandas. Dos outros compromisos, absolutamente nada, malia seren necesidades prioritarias para a veciñanza.
É por iso que, en coherencia coa nosa postura daquela, xustificamos a nosa ausencia hoxe. Porque, lonxe de cuestionar as melloras en equipamentos deportivos nin de calquera outra caste, a política do BNG é a de priorizar o imprescindible sobre o mellorable, o necesario sobre o accesorio. E é aí onde enfrontamos a nosa acción política coa do actual goberno municipal, máis preocupado polos dividendos electorais das súas decisións que polo benestar do conxunto da veciñanza.
Manténdonos nesa posición publicamente coñecida, desde o BNG de Gondomar parabenizamos ao Club de Fútbol Gondomar polas novas instalacións, que sen dúbida mellorarán o seu rendemento, e trasladámoslles os nosos mellores desexos de éxito, reflectidos en resultados deportivos, medre da canteira e progreso das escolas de fútbol base.