Comunicado do BNG de Gondomar sobre as declaracións do alcalde a respecto da súa denuncia contra o BNG

Comunicado do BNG de Gondomar sobre as declaracións do alcalde a respecto da súa denuncia contra o BNG

Ante a publicitación que vén de facer o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, da denuncia que presentou contra o BNG e a súa concelleira, Manuela Rodríguez Pumar, esta organización declara:

O texto obxecto da denuncia é parte dun artigo publicado en outubro de 2020 nun boletín informativo onde o BNG de Gondomar sinalaba as deficiencias da xestión do alcalde Ferreira en múltiples áreas do goberno municipal. Igualmente, o boletín criticaba a súa actitude autoritaria e prepotente, machista e intolerante, a respecto da oposición en xeral e das concelleiras en particular. Esa actitude pode ser comprobada por calquera veciña ou veciño de Gondomar que asista aos plenos ou que acceda aos vídeos dispoñíbeis en YouTube (https://www.youtube.com/user/tvgondomar/playlists).

Resulta insólito e rechamante que sexa o propio alcalde quen fai público este tema neste momento e desta maneira, pois está sendo el quen dá publicidade a uns termos respecto dos que di que se sente ofendido. Porén, en ningún momento deu nin dá resposta á situación que o BNG sinalaba no boletín e que é o  realmente importante para o pobo de Gondomar: a súa pésima xestión municipal e a súa actitude inxustificábel. O que está facendo Ferreira é sobredimensionar algo que, por outro lado, é normal en política: a crítica entre goberno e oposición. O que non é tan normal é que un alcalde dirixa os plenos dun xeito tan antidemocrático como o fai Ferreira: acaparando o uso da palabra e dilatando a duración das súas intervencións até o punto de que non se poida chegar a debater a totalidade das mocións presentadas, ou que non se dea chegado ao apartado de rogos e preguntas, obstruíndo así a fiscalización do labor do goberno por parte da oposición.

Fica claro que non é do agrado de Francisco Ferreira que a oposición faga o seu traballo e, por iso, agora que fixo pública a denuncia, aproveita o seu Facebook para cualificar o voceiro do BNG de “pasquín difamatorio e injurioso”. En calquera caso, o BNG considera que a xudicialización da vida política non leva a ningures e, desde logo, non vai impedir que sigamos realizando o labor que como oposición nos corresponde e con toda a contundencia necesaria.

BNG Gondomar.

Comunicado do BNG de Gondomar sobre as declaracións do alcalde a respecto da súa denuncia contra o BNG