O Concello privatiza as actividades deportivas

O Concello privatiza as actividades deportivas

O BNG denuncia que o Concello de Gondomar pretende privatizar as actividades deportivas


- O BNG de Gondomar tivo coñecemento estes días de que o goberno municipal presidido polo PP e integrado tamén por dous concelleiros do CDL está considerando a privatización das actividades deportivas que viu ofertando estes anos.

Trátase, entre outras, das actividades de multideporte, patinaxe, taekwondo, ximnasia de mantemento, ximnasia suave para maiores, tenis ou iniciación ao deporte polas que os usuarios veñen aboando uns 70 euros anuais.

Baixo o pretexto de que se trata dunha decisión política que vén "de arriba" e que as actividades producen perdas económicas, a Concellaría de Deportes comunicoulles aos monitores coincidindo co remate das actividades que para continuar na actividade terían que constituírse en empresa. A intención do Concello é privatizar a xestión, entregando as actividades a unha empresa que, loxicamente, ten ante todo afán de lucro.

O BNG denuncia que a privatización das actividades terá como primeira consecuencia o cese dos monitores actuais, que veñen realizando o seu traballo desde hai varios anos mediante contratos a tempo parcial, e que agora se verán sen esta parte do seu salario. É dicir, produce desemprego. Ademais o BNG denuncia as formas en que isto se comunicou, no último momento, rematadas as actividades, coa intención de evitar unha resposta social por parte das e dos traballadores afectados e dos usuarios das actividades, que xa se queixan de que perden os seus monitores cos que están especialmente contentos.

Por outro lado a privatización do servizo xera moitas preguntas:

  • Vanse manter os parámetros de calidade das actividades?
  • Vanse reducir os salarios das e dos monitores, ao ser unha empresa a intermediaria e ter como obxectivo obter beneficios que poden saír, como xa ten sucedido, da redución dos salarios das e dos traballadores?
  • Pode incidir esta privatización no incremento de prezos da actividade para as e os usuarios?


O BNG de Gondomar oponse a este intento de privatización e dirixirase á Concellaría de Deportes para reclamar que se manteña a oferta de actividades deportivas mediante xestión directa do concello, mantendo no seu posto aos actuais monitores e garantindo que non se incrementarán os prezos para os usuarios. A Concellaría de Deportes e o Goberno municipal de Gondomar deben asumir que as actividades deportivas son un servizo á cidadanía e como tal debe ser ofertado, con garantías de calidade e acceso para todas e todos.


O Concello privatiza as actividades deportivas