Imprevisión na xestión do Concello de Gondomar
O BNG denuncia a falta de previsión do Concello de Gondomar, que acaba de provocar que unha parte importante do alumnado do conservatorio municipal estea sen aulas pola ausencia das docentes titulares.
Para o BNG esta situación pon de relevo a falta de previsión do Concello que non convocou en tempo e forma as probas necesarias para cubrir a xubilación dunha profesora ou contar cunha bolsa de persoal que lle permita facer fronte ás baixas que se poidan producir durante o curso.
Tanto a xubilación dunha profesora, como que calquera outro docente poida ter que coller unha baixa por enfermidade, son situacións claramente previsíbeis, para as que o Concello debería estar preparado. Mais contrariamente ás directrices que deben guiar unha xestión axeitada dun concello, en Gondomar nin se considerou a idade da profesora que agora se xubila, nin se imaxinaron que as traballadoras poidan enfermar ou solicitar os permisos aos que teñan dereito. Por iso para o BNG é totalmente inadmisíbel que se diga agora que o proceso para contar co persoal necesario se vai realizar en xaneiro, pois hai meses que se debeu celebrar.
Por outro lado ao BNG preocúpalle que este feito sirva para privatizar a xestión dun servizo do concello, sen que haxa garantías de que o persoal contratado goce das condicións salariais e laborais que se recollen no Convenio de Persoal do Concello de Gondomar, o que o BNG esixirá. É evidente que a empresa que cubra as baixas das profesoras obterá un beneficio económico da xestión, beneficio que só poderá obter de dúas maneiras: ou incrementando os custes das substitucións facendo que este procedemento lle saia máis caro ao concello, ou detraendo os seus beneficios dos salarios das traballadoras ou traballadores. Para o BNG as dúas situacións son inadmisíbeis.
Para o BNG é grave que esta situación se repita. A privatización xa foi a solución adoptada polo concello para ofertar as actividades deportivas para este ano, cuestión que foi denunciada no seu día polo BNG e que provocou que a Concelleira se reunise cos monitores que ían ser despedidos para buscar unha solución.
Zonas de aparcamento
Noutra orde de cousas, o BNG denuncia outra evidencia da mala xestión do goberno municipal de Gondomar: o acondicionamento dos aparcamentos. Desde o BNG consideramos que as zonas habilitadas como aparcamento deben estar debidamente acondicionadas, pois son absolutamente necesarias e non é aceptábel que estean inzadas de baches cada vez que chove. Esiximos do Concello que as repare e as manteña en condicións de utilización.