Moción contra a impunidade da marea negra do Prestige
O BNG de Gondomar presentou unha moción contra a impunidade da marea negra do "Prestige" e a prol da transferencia de competencias marítimas á Xunta de Galiza. Nesta mesma moción, o BNG solicita tamén do pleno municipal o apoio ás mobilizacións cidadás que sexan convocadas a tal fin.
O sinistro do buque petroleiro Prestige nas costas da Galiza o 13 de novembro de 2002 mostrou daquela o problema da seguranza do tráfico marítimo que circula polo corredor de Fisterra e ameaza as costas galegas, e, desgrazamente hoxe, coa sentenza ditada polo xulgado a total impunidade dos autores da marea negra e dos responsábeis políticos no goberno do PP no Estado e os seus cómplices na Xunta.
A pesar de o litoral de Galiza ser o máis afectado do mundo pola contaminación derivada de accidentes marítimos destas características, son as autoridades xudiciais as que permiten, despois de 11 anos, a pervivencia desta situación de risco e a impunidade manifesta dos responsábeis.
A senteza do Prestige permite que o Estado continúe controlando os dispositivos de transporte de mercadorías perigosas por mar nas costas galegas, impedindo que Galiza poida facelo en porto e en tránsito, e tamén que os medios de salvamento e prevención de catástrofes ambientais despregados nas nosas costas non sexan suficientes e adecuados para encarar situacións de risco ou combater a ameaza da contaminación.
Así hoxe, con esta sentenza, non só se premia o feito da marea negra senón que os seus responsábeis quedan impunes, e ademais vale para apoiar a falta de vontade para transferir as competencias en tráfico marítimo e prevención de accidentes no mar á Xunta de Galiza, animando a actitude compracente dos gobernos español e galego do PP, que non actúan nas instancias que ocupan para protexer os intereses dos galegos e galegas vinculadas directamente á actividade pesqueira no mar e que constitúe unha fonte de riqueza de moitas comarcas costeiras de Galiza.
Nesta situación, o Responsábel Local do BNG en Gondomar presentou no Concello unha moción para que alén de lamentar a sentenza ditada pola marea negra provocada polo Prestige que permite a impunidade dos seus responsábeis, tanto políticos como materiais, o Pleno do Concello de Gondomar inste á Xunta de Galiza a que demande do estado español a transferencia das competencias para o control e inspección dos barcos que recalan nos portos galegos e dos que transitan polo dispositivo de separación de Fisterra, para poder aplicar unha política preventiva no transporte marítimo de mercadorías perigosas, ademais da competencia inherente ao salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña nas costas de Galiza, así como que apoie as mobilizacións en contra da impunidade dos responsábeis da marea negra do Prestige e en demanda da transferencia de competencias á Galiza nesta materia.