Moción para solicitar o rexistro do Concello no dominio .gal
No marco da actual sociedade da información o que non está na internet non existe. A comunidadegalega no mundo, a nosa lingua e a nosa cultura xa gozan dunha marca propia con que identificar todos os contidos que xeramos na Rede e, así, facérmonos máis visíbeis dentro deste espazo de comunicación global. O .gal é o dominio que nos corresponde como comunidade con fortes vínculos lingüísticos, culturais, históricos e sociais. Unha especie de sufixo con que identificamos na internet as páxinas escritas en galego e que se dirixen á sociedade galega nas súas comunicacións en liña e que, tendo en conta a dispersión so pobo galego no mundo, non se circunscribe a un ámbito territorial concreto. Tecnicamente viábel e económica, social, lingüística e culturalmente rendíbel, o .gal encádrase nos dominios patrocinados de primeiro nivel.
O dominio é xestionado pola Asociación PuntoGal e os ingresos económicos que se producen pola súa actividade serven para o mantemento do propio dominio e, no caso de se produciren beneficios, estes son investidos no fomento da lingua e cultura galega dentro do ámbito das novas tecnoloxías.
O dominio .gal fai que se poidan localizar os contidos destinados ao público galego ou referentes á sociedade galega de xeito máis rápido, poderanse organizar os contidos en galego na rede de xeito máis eficiente e as institucións poden presentarse perante o público galego dun xeito máis próximo. O dominio galego axudará a consolidar unha comunidade galega na internet, o .gal permitirá facer visíbeis os produtos, a cultura e a comunidade galega no mundo e contribuirá ao uso e fomento das novas tecnoloxías por e para a sociedade galega.
De cara a un funcionamento regular do sistema de rexistro de nomes de dominios co sufixo .gal foi preciso estabelecer unhas fases que garantiran un correcto funcionamento e estabilidade do sistema e que tanto as entidades públicas como privadas puidesen protexer debidamente as súas marcas tanto comerciais como de utilidade pública, polo que se estabeleceron uns períodos de rexistro moi diferenciados que comprenderon unha fase previa que foi denominada Programa Pioneiros. Este programa permitiu poñer na Rede un grupo reducido e significativo de dominios e deu paso á segunda fase en que se porán en marcha os Programas Abrente ou Sunrise xunto ao Programa Carreira ou Landrush, previos á terceira fase de apertura xeral en que todo o mundo poderá rexistrar o seu dominio .gal.
Segundo os prazos que se deseñaron para rexistrar os dominos .gal, o Programa Pioneiros púxose en marcha para un grupo reducido de páxinas web baixo unhas condicións especiais. Durante o pasado mes de xuño recibíronse solicitudes na Asociación PuntoGal e, tras seren peneiradas e aceptadas, só noventa e tres delas entraron en funcionamento o pasado 25 de xullo.
A seguir, na Fase de Lanzamento, ábrese o período coñecido como Abrente ou Sunrise que permitirá que aquelas entidades tanto públicas como privadas poidan exercer o seu dereito preferente de solicitaren un dominio. Esta fase desenvolverase entre os meses de setembro e novembro. Simultaneamente ao Abrente desenvolverase o proceso de Carreira ou Landrush, en que aquelas persoas interesadas en dominios sen prioridade de especial interese poderán ter a súa oportunidade de solicitalo.
Finalmente daráselle paso á Fase Aberta, en que se abrirá o rexistro libre de dominios para o público xeral e que comezará a funcionar arredor de decembro.
Asemade hai que facer fincapé no feito de que máis alá dun beneficio económico (porque o dominio e as web .gal tributarán en Galiza), este paso suporá unha maior proxección no eido dixital e servirá para que o noso país se vexa no mundo.
Por iso pedimos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:
1.- Instar o Goberno municipal para que rexistre e active o seu enderezo .gal nos prazos estabelecidos pola asociación que xestiona o dominio galego.
2.- Instar o Executivo municipal para que estabeleza un plan local de promoción entre as diferentes entidades e asociacións locais co obxecto de que comecen a mudar as súas páxinas web cara ao .gal, incluíndo o preceptivo asesoramento para a migración de todos estes enderezos cara a este novo dominio que nos identifica como país.
3.- Instar o Goberno local a fin de que xestione unha liña extraordinaria de axudas destinadas ás entidades e asociacións municipais para facer fronte á tarifa da Asociación PuntoGal que se publicará como prezo normal ao longo do mes de setembro.