Moción contra o Tratado Transatlántico de Comercio

Moción contra o Tratado Transatlántico de Comercio

TTPInonA Unión Europea (UE) e os Estados Unidos de América (EEUU) están negociando, de costas á cidadanía e ás persoas e institucións que a representan (parlamentos nacionais, estatais e europeo) un amplo acordo de liberalización de comercio e investimentos, que representa un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos sociais, laborais, ambientais e de saúde, antepondo o interese comercial de investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral. O tratado estase a negociar de xeito secreto e, na actualidade, carecemos de documentos oficiais (máis alá de filtracións) sobre o contido total das negociacións.

O TTIP, ao perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestación destes ás ETN, así como ás compras e licitacións de bens e servizos das Administracións Públicas, pon en perigo todos os servizos públicos e as compras públicas, en todos os niveis de poder, e compromete a habilidade dos/as representantes elixidos/as para administraren libremente as súas comunidades locais e promocionaren a industria, emprego e iniciativas locais.

Deste xeito, as leis do comercio priman sobre calquera outra consideración social e ignoran calquera lexislación, continental, estatal, nacional, rexional ou local. As comunidades locais atópanse dominadas por axustes estruturais restritivos debidos aos acordos e ás políticas de libre comercio e de protección do investidor. Esta lóxica desmantela os servizos públicos e suprime a liberdade dos poderes locais para fornecer os servizos públicos e satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, atendendo a políticas e plans de desenvolvemento industrial e de fomento da industria e emprego locais. Ao mesmo tempo, promove instrumentos non democráticos que garantan os beneficios económicos das empresas transnacionais, o que supón unha cesión da soberanía aos poderes económicos.

Por iso as administracións locais, tanto por seren afectadas directas ao ser as canles axeitadas para promover os servizos públicos e a industria e emprego locais, como por promover na colectividade local o debate público e democrático sobre o que está verdadeiramente en xogo tras este Acordo, deben pronunciarse sobre o seu rexeitamento.

Por iso, o o Bloque Nacionalista Galego neste concello propón adoptar os seguintes

ACORDOS

1. Declarar este concello como Municipio insubmiso e libre do TTIP, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e redistribución social.

2. Solicitar do Ministerio de Administracións Públicas o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos servizos básicos.

3. Instar ao Ministerio de Economía a que solicite que se faga pública toda a documentación en relación ao tratado, con base no Regulamento 1049/2001 da Unión Europea.

4. Solicitar do Ministerio de Economía a suspensión das negociacións do TTIP.

Moción contra o Tratado Transatlántico de Comercio