Moción para apoiar a comercialización de proximidade

Moción para apoiar a comercialización de proximidade

mercadoO pasado mes de setembro publicouse o Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Este decreto entende por venda directa a que se realiza na casa, en mercados e feiras e en tendas minoristas, que vendan directamente ao consumo final, agás os ovos e estabelece unha serie de requisitos para poderen realizar esa venda.

Desde o BNG sempre defendemos que se prestixien os nosos produtos primarios como de calidade e que cumpren coas garantías de salubridade. Igualmente xulgamos que se debe facilitar desde os poderes públicos a súa comercialización en circuítos curtos e de proximidade para garantirlles o máximo beneficio aos e ás produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de produción de alimentos, de creación de emprego e de dinamización económica.

Porén, este decreto, sen outras medidas que acompañen o desenvolvemento da venda de proximidade e o apoio aos e ás produtoras non vai ter ese efecto dinamizador. De feito, é evidente que non ten como obxectivo relanzar feiras e mercados nin serve para incorporar novas persoas a esta actividade. O articulado do decreto non garante a produción nin fomenta a dedicación de persoas a este tipo de actividade. Por iso, o BNG considera imprescindíbel desenvolver iniciativas que incidan no apoio á comercialización de proximidade (feiras, mercados periódicos de alimentos producidos no contorno tanto en cidades como vilas, degustacións, etc), ás de venda na propia explotación ou on line, e que teñan como obxectivo a promoción deste tipo de comercialización. .

Por iso, o o Bloque Nacionalista Galego neste concello propón adoptar os seguintes

ACORDOS

1. Solicitar do Goberno Galego que, en diálogo co sector, aprobe unha serie de actuacións específicas en diversos ámbitos para dinamizar a venda de proximidade, garantir as mellores condicións de traballo para as persoas produtoras e conseguir unha produción respectuosa co ambiente e a saúde. Entre estas cuestións, están introducir alimentos producidos nas explotación galegas nos menús dos centros públicos (escolares, hospitais, etc), facilitar base territorial ás persoas que a demandaren para a produción de alimentos e estabelecer medidas de cotas á seguridade social reducidas e adaptadas a este tipo de actividade produtiva, e o mesmo en relación coa súa fiscalidade, Cómpre tamén estabelecer liñas de axuda para que a introdución de elementos de identificación e a introdución de guías de boas prácticas non sexa un gasto engadido ás producións.

2. Solicitar do Goberno Galego que impulse unha marca de calidade que ampare e identifique os produtos da horta galega, que acadaren os requirimentos de calidade definidos en consenso co sector.

3. Solicitar do Goberno galego que se abra un diálogo constante co sector coa participación de sindicatos, organizacións agrarias, asociacións de produtores/as, produción ecolóxica, para impulsar medidas que partan do consenso e que realmente dinamicen un sector vital para a economía galega.

Moción para apoiar a comercialización de proximidade