Moción contra a violencia machista

Moción contra a violencia machista

Violencia-MachistaA violencia machista é unha realidade que golpea día tras día as mulleres deste país. O 24 de marzo deste mesmo ano a Secretaría xeral de Igualdade facía público o Informe anual de seguimento da lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que deixaba uns datos demoledores e que recollía as medidas implementadas pola Xunta de Galiza, que esta xulga oportunas cando todos os indicadores sinalan que son claramente insuficientes. Para as mulleres e as organizacións que loitamos contra a violencia machista, é un feito incontestábel que non podemos continuar a contar o número de mulleres asasinadas e os numerosos casos de agresións físicas e psicolóxicas sen tomar medidas urxentes que impliquen o conxunto da cidadanía e trasladen ás mulleres un verdadeiro apoio e a garantía de se respectar o seu dereito a vivir unha vida digna sen violencia.

Para alén desta consideración, levan causado un forte escándalo social as declaracións humillantes e vexatorias para as mulleres que diferentes cargos institucionais realizan de maneira impune, contribuíndo a crear un clima de indefensión e de inseguranza que nada axuda a crear a conciencia necesaria de que a violencia machista só pode merecer a tolerancia cero desde institucións e organizacións políticas.

O feito de que ano tras ano as administracións non sexan capaces de frear a violencia contra as mulleres e de crear conciencia na sociedade para facer efectiva a prevención e/ou a resposta inmediata, indigna amplos sectores da cidadanía que constatan inexistencia de medidas reais que cheguen a todos os ámbitos da vida e que sirvan, dunha vez por todas, para demostrar que o compromiso coa loita contra o machismo é unha prioridade política absoluta.

É responsabilidade do conxunto da cidadanía e, en particular, das persoas con responsabilidades políticas, garantir o cumprimento das leis orgánica e galega, protexer as vítimas da violencia machista e as/aos menores ao seu cargo, exixir que os medios de comunicación non contribúan a crear e manter prexuízos sexistas, traballar para que a comunidade educativa eduque verdadeiramente en igualdade e denunciar todas e cada unha das agresións que as mulleres sofren no día a día.

Co obxectivo de exercer este compromiso día a día, no marco da celebración todos os días dos contidos que só parecen existir arredor da data do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, o Bloque Nacionalista Galego propón o seguinte

ACORDO:

A Corporación Municipal acorda:

1. Trasladarlle á Xunta de Galiza o urxente desenvolvemento lexislativo do artigo 39 da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que se recolla, como mínimo:

- A regulación das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero co obxectivo de estabelecer baremos de renda non inferiores aos que se recollían nas convocatorias dos anos 2006, 2007, 2008, 2009 e 2010 e eliminando a incompatibilidade do cobro desta axuda no caso de se beneficiar con anterioridade das medidas recollidas neste artigo.

-A garantía de que o prazo de presentación de solicitudes desta axuda está aberto durante todo o ano.

- A fixación dun prazo máximo de 30 días para a resolución e o pagamento efectivo das axudas desde o momento da súa solicitude.

- A ampliación da duración das axudas a 18 meses prorrogábeis até 24 meses segundo a situación da vítima.

2. Apoiar o asociacionismo que traballa no combate contra a violencia de xénero e desenvolver, en colaboración co tecido social, unha campaña urxente de concienciación sobre a responsabilidade social e a necesidade de illar os agresores.

3. Elaborar un plan de formación especial para o persoal que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero.

4. Exixir o cumprimento da normativa en publicidade sexista, chegando a romper patrocinios con aqueles medios que o incumpriren.

5. Ser exemplares na loita contra a violencia cotiá e os micromachismos e, por tanto, rexeitando e exixindo responsabilidades políticas a aquelas persoas con cargos institucionais que fixeren declaracións machistas.

6. Deseñar un plan de sensibilización permanente contra a violencia machista que englobe ao conxunto da sociedade.

Moción contra a violencia machista