O BNG de Gondomar lamenta a falla de programación propia do Concello polo Día de Rosalía
Gondomar, 24 de Febreiro de 2024.- O BNG de Gondomar lamenta que o goberno local non tivera programación propia para a celebración do Día de Rosalía, este venres 23 de febreiro, en cumprimento do aprobado no pleno de febreiro de 2020, cando se aprobou por unanimidade á moción presentada polo BNG que instaba a institucionalizar esa data.
Nos acordos, a moción instaba a “emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello” na conmemoración da poeta, mais este ano non houbo actividades propias desde á Concellería de Cultura. O papel do goberno local limitouse á colaboración co IES Auga da Laxe na súa acción, enmarcada dentro das actividades promovidas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), con motivo do Día de Rosalía 2024.
Porque é fundamental que socialmente se recoñeza o Día de Rosalía como unha data importante a celebrar pola veciñanza. A difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as xeracións máis novas, que colectivamente contribuímos a coeducar, mais tamén para o conxunto das galegas e os galegos. A súa palabra, feita poesía ou prosa reflexiva, é un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.
“Lamentamos que para este 23 de febreiro o goberno non emprendera a realización de actividades propias de promoción da obra da nosa escritora que implicaran ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello”, indica a Portavoz municipal do BNG, Manuela R. Pumar. “De nada serven os discursos do Alcalde a respecto do “significado simbólico” da Praza de Rosalía, se todo se reduce a unha actuación urbanística”.
Desde o BNG consideran necesario realizar actividades e actos que fagan cada vez máis visible a figura de Rosalía, a escritora máis representativa das letras galegas e unha das referentes da literatura universal de todos os tempos. “Cómpre coñecela en todas as súas facetas e incidir na clara vixencia dos seus diferentes discursos -como o feminista ou de denuncia do drama da emigración-, e a importancia da súa reivindicación na actualidade”, indica Rodríguez, que incide ademais en que este foi o compromiso adquirido pola corporación municipal no seu día.