Moción sobre a xestión de residuos
O BNG reclama do Concello de Gondomar que inste á Xunta de Galiza a que financie proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que permitan a creación de emprego nas diferentes localidades
O BNG tamén reclama do Concello que promova actuacións de prevención a través da educación ambiental e a implantación da compostaxe doméstica e comunitaria.
A pesar da crise actual, en 2011 xeráronse en Galiza case 1,2 millóns de toneladas de residuos urbanos, que foron obxecto de tratamento nalgún dos tres modelos existentes no noso país: SOGAMA, NOSTIÁN e BARBANZA. Estes residuos conteñen cantidades importantes de recursos e o seu aproveitamento pode xerar moitos empregos. Na Barbanza, por exemplo, traballan entre 140 e 150 persoas. Traducido isto a nivel galego, teriamos uns 5.000 empregos, que doutra forma se perden na súa maioría. A implantación de proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe permitiría criar 3.000 empregos adicionais aos que ofrece o modelo incinerador de SOGAMA.
O actual modelo de recollida de envases, imposto por Ecoembes e a Xunta non está a funcionar e permite a Ecoembes furtar aos concellos galegos a maior parte do financiamento que por lei debería chegarlle. Así, os concellos galegos seguen correndo cos gastos de recollida e tratamento do 85% destes residuos de envases, un custo que non lles corresponde sufragar. Todo isto é indicativo do fracaso da actual política da Xunta de Galiza nesta cuestión, que nin resolveu os problemas de financiamento dos servizos de xestión de residuos, nin permitiu os mínimos avances ecolóxicos.
A Xunta vén de modificar o plan de xestión PXRUG 2010-2011, mais non para avanzar na xestión ecolóxica do lixo e na sustentabilidade económica da mesma, senón para facilitar a instalación dunha nova incineradora en Cerceda, unha vez abortado o seu proxecto para O Irixo, a que ten previsto financiar con 218 millóns de euros. Isto implicará, mais custos para os concellos e menos empregos. Neste contexto, está en tramitación una Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) co obxectivo de promulgar unha lei para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galiza. Na situación descrita, a instalación dunha nova incineradora é incompatíbel co obxectivo de redución do 10% e reutilización e reciclado do 50% dos residuos domésticos que fixa a normativa legal en vigor. E hoxe máis que nunca debe terse en conta que a incineración preséntase como a alternativa máis custosa, pero a que menos emprego permite crear (entre 5 e 10 veces menos que a reciclaxe e compostaxe).
Cómpre lembrar que en Gondomar existe un proxecto dunha planta de compostaxe de biomasa e xardinería que, malia ter rematado o proxecto experimental e tratar de iniciar o seu funcionamento, está paralizado pola torpeza e atrancos burocráticos municipais. Esta planta foi proposta pola Mancomunidade de Montes do Val Miñor e tiña garantido o seu funcionamento, había demanda dunha planta deste tipo e estaría coordinada cun equipo humano de entre 6 e 12 traballadores.
Por todo isto, o BNG presenta ao Pleno da Corporación municipal de Gondomar, tal e como se está a facer noutras localidades do país, unha moción para que o Pleno do Concello manifeste o seu apoio á tramitación da proposición de lei para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galiza, actualmente en tramitación. Ademais que se solicite o abandono por parte da Xunta da idea de construír unha nova incineradora de residuos urbanos en Galiza e que destine os fondos previstos para a incineradora ao financiamento de proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que permitan a creación de emprego nas diferentes localidades e alcanzar os obxectivos de recollida selectiva e reciclaxe das sociedades avanzadas.
Nesta moción tamén se solicita da Xunta de Galiza o financiamento prioritario das actuacións de mellora da recollida selectiva e das actuacións de prevención a través da educación ambiental e a implantación da compostaxe doméstica e comunitaria e destinar parte do orzamento municipal para Implantar programas de educación ambiental para a redución de residuos e xestionar os residuos orgánicos mediante a compostaxe caseira e comunitaria.