Impunidade Nunca Máis
O BNG organiza unha charla sobre a catástrofe do Prestige baixo o título de "Impunidade Nunca Máis", revisando o que aconteceu hai dez anos e a situación actual, no momento en que se está a desenvolver o xuízo pola catástrofe. A Charla terá lugar este xoves 13 de decembro no Centro Neural de Gondomar ás 20:30.
O BNG entende que cómpre facer memoria daquela catástrofe e valorar cal é a situación actual ante a hipótese dun novo accidente. Lembrar que o Prestige significou un punto e a parte na historia do noso país, pois provocou a mobilización da sociedade galega e a toma de conciencia ante unha catástrofe natural que tivo consecuencias no futuro político do país.
Para falar deste tema o BNG convidou a Alfredo López, doutor en bioloxía e membro da CEMMA, entidade desde a que coordinou a asistencia aos animais mariños petroleados. Alfredo López é experto en cetáceos e doutorouse cunha tese sobre as poboacións destes animais na costa galega.
A charla estará seguida dun coloquio en que estarán presentes o portavoz da Comisión Xestora da Plataforma Nunca Máis, Xosé Sánchez, e o integrante da Plataforma Xabier Méndez.
Acto: Impunidade Nunca Máis, 10 anos da catástrofe do Prestige
Data: xoves 13 de decembro de 2012
Hora: 20:30
Lugar Centro Neural de Gondomar