Peche en NGB de Gondomar polas preferentes
O BNG expresa o seu apoio aos afectados pola estafa das preferentes que onte iniciaron un peche na oficina de Novagalicia Banco de Gondomar, unha das sucursais en que se tramitaron estas participacións.
O BNG xa manifestou o seu apoio aos afectados nas mobilizacións que se produciron en novembro nesta mesma oficina. Por outro lado, son numerosas as iniciativas levadas ao Parlamento xa na pasada lexislatura, iniciativas sobre as que foron informados as e os afectados nun acto organizado no mes de abril, acto en que ademais o BNG púxose a disposición dos afectados.
Onte mesmo, o BNG ocupou as oficinas de Novagalicia Banco nas sedes centrais de todo o país para explicar a situación en que queda o aforro galego coa futura desaparición da entidade. O BNG considera que o anuncio que confirma a desaparición de Novagalicia Banco deixa ao descuberto as mentiras e incapacidade do Goberno do PP e de Núñez Feijoo. Trátase dunha medida que liquida o aforro galego no canto de procurar a creación dunha Banca Pública que dea crédito ás persoas e ás empresas. Unha medida que vai supor o despedimento de máis de 2500 persoas e que vai afectar negativamente aos afectados polas preferentes.
Nun folleto informativo distribuído nas mobilizacións de onte, o BNG advirte que o banco que se faga con Novagalicia Banco tamén levará de regalo miles de millóns de pequen@s aforrador@s, aos que se lles expropiará sen dereito a protestar entre o 30 e o 70 por 100 do que depositaron, enganados, nesas participacións.