O PP usurpa a representación do BNG na Área Metropolitana
08 xuño 2012 - 13:52
O BNG de Gondomar denuncia que a apropiación das actas por parte dos concelleiros que abandonaron a organización favorece ao PP que por este motivo ve incrementada a súa representación na Área Metropolitana
- No pleno celebrado onte en Gondomar, aprobouse unha proposta do PP para nomear unha das súas concelleiras como segunda representante do concello de Gondomar na Área Metropolitana. Deste xeito o PP terá o 100% da representación de Gondomar nese organismo, cando de acordo cos resultados electorais ese segundo concelleiro ou concelleira lle corresponde ao BNG.
Mais o feito de que as persoas que abandonaron o BNG non entregaran as actas, tal e como está establecido estatutariamente no BNG e eles coñecían, e tal e como lles foi reclamado, non só priva o BNG da representación que lexitimamente lle corresponde no Concello e, neste caso, na Área Metropolitana, senón que favorece directamente ao PP.
No Pleno de onte a Alcaldía presentou un informe en que se concluía que ao non ter o BNG grupo municipal, pois os concelleiros electos por esta formación xa non integran este grupo, o segundo concelleiro na Área Metropolitana correspóndelle ao PP. Con este informe na man, o PP presentou a súa candidatura que resultou aprobada.
O BNG denuncia que a usurpación das actas obtidas nas eleccións municipais non só prexudica o BNG en canto á representación que lle corresponde e vulnera o espírito do voto do electorado, senón que prexudica o nacionalismo, pois, como onte se comprobou no Pleno de Gondomar, quen sae beneficiado é exclusivamente o PP que, neste caso, incrementa a súa representación na Area Metropolitana, unha representación que non se axusta ao resultado das eleccións municipais en Gondomar.
Desde o BNG tamén queremos sinalar que esta non é unha consecuencia sobrevida, senón que é unha consecuencia previsíbel e coñecida por todas as partes.